O NOSO SOCIO CAMILO ABAL, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE REMO EN VETERANOS

15/11/2020

Sabedes que nos encanta contar os vosos éxitos, aventuras e iniciativas. Así que hoxe ímosvos a falar do noso abonado Camilo Abal Barreiro, que hai uns días logrou proclamarse campión de España de remo de veteranos na proba de 8 con temoneiro.

 

Camilo ten unha longa historia no remo, xa que desde moi novo conseguiu magníficos resultados e mesmo participou en varios Campionatos do Mundo. En 1982, con 15 anos, logrou a súa primeira medalla nun Campionato de España sénior (bronce) en 4 con temoneiro e ao ano seguinte xa se proclamou campión de España, entrou na selección española e participou no Mundial que se celebrou en  Vichy (Francia), onde a selección española foi sexta. Ao ano seguinte volveu lograr o título de campión de España e novamente participou no Mundial (Suecia), onde foron quintos.  Pero deixouno moi pronto (con 22 anos) e, aínda que nunca esqueceu a súa aposta polo deporte, non volveu traballar en serio para subirse a unha embarcación ata os 42 anos.

Aí uns antigos compañeiros que estaban a competir en veteranos puxéronse en contacto con el, en principio para cubrir unha ausencia por lesión: “Coincidiu que un grupo de amigos competían en 4 con temoneiro, tiñan un lesionado e empecei, para cubrir esa baixa, pero xa non me fun”, manifestou.

 

Tamén en veteranos, o seu equipo (Club de Remo do Miño) está a conseguir subirse ao podio nos campionatos de España habitualmente (campións de España en 2010 (4 con temoneiro) e 2017 (4 e 8 con temoneiro). E este ano conseguiron o título nun campionato moi especial, condicionado pola COVID-19. Cambiouse a data e a preparación complicouse xa que non se sabía cando finalmente se ía celebrar o torneo. “Ao final decidiuse que se faría o 15 de outubro e menos mal, porque despois do campionato xa se anunciou que se suspendían o resto das probas que estaban programadas”.

 

Camilo explícanos que, no seu grupo, Club de Remo  do Miño, contan con remeiros expertos e algúns deles con gran currículo, pero “aquí non estás polo recoñecemento, iso falo na mocidade. Agora falo por amizade, para sacar a tensión de encima e gozar co que che gusta”.

 

Camilo fíxose socio de  Máis que  Auga cando se abriu o centro de Navia e é aquí onde realiza a súa preparación. Vai de luns a venres e despois na fin de semana vaise ao río a Tui. O noso usuario explica que para el o mellor de  MQA é a diversidade que ofrece: “Non todos os días estás ao cento por cento, e se non che apetece traballar na zona de  cardio, tes a opción de ir nadar, ou  spinning… Telo todo no mesmo centro e iso é moi cómodo. Ademais do aparcamento, que é xenial”.