O MINISTERIO DE SANIDADE CONFIRMA QUE O  SECTOR DO DEPORTE É UN DOS MÁIS SEGUROS ANTE A COVID-19

21/10/2020

Sabemos que o sector do deporte é seguro e necesario e e levamos meses lembrando que adoptamos todas as medidas necesarias para que tanto o persoal como a clientela estean seguros nas nosas  instalacións. Pero agora o noso convencemento, baseado nas medidas e os datos, foi confirmado polo Ministerio de Sanidade: O sector do deporte é un dos máis seguros ante a COVID-19.

 

Desde o inicio da pandemia o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade do Goberno español rexistra e analiza os datos sobre a COVID-19, que van sendo actualizados semana a semana. Nesta ocasión, analizouse a procedencia dos gromos de COVID-19 que se rexistraron en España desde o fin da desescalada ata o día 8 de outubro (un total de 8.488) e os resultados son claros: O ámbito que máis gromos reportou foi o social co 31,4% do total. A continuación, atópase o ámbito familiar, cun 18,8%; o mixto, cun 15,4% e o laboral, co 13,3% do total de brotes rexistrados.

 

Dentro do ámbito social, foi nas reunións familiares ou de amigos onde se apreciou unha maior incidencia, cun total de 1.770 gromos. Tras el situouse o dos eventos organizados, con 108 gromos, así como o dos establecementos de restauración (bares, restaurantes…), con 102.

 

O Ministerio incluíu neste ámbito social, o das actividades deportivas, que abarca a totalidade do ámbito deportivo (é dicir, deporte federado, clubs, instalacións deportivas…) e apréciase que a incidencia é case inexistente. En actividades deportivas xurdiron un total de 24 gromos en toda España, é dicir o 0,28% do total dos 8.488 detectados, e o 0,90% dos xurdidos especificamente no ámbito social, que ascendeu a 2.666. Todo iso, incítanos a animarvos unha vez máis a facer deporte, a convidarvos a que acudades ás nosas instalacións, onde contaredes con todas as medidas de seguridade necesarias para que sintades protexidos e seguros.

 

Nesta ligazón, deixámosvos o informe, por se queredes coñecelo en profundidade, xa que son moitos os datos que analiza.