O Máis que Auga de Coia, trala reforma, será un centro referente en Galicia

13/08/2019

Máis que  Auga segue crecendo e mellorando. A finais de xuño  comezaron as obras de ampliación e modernización do noso centro de  Coia, que lucirá todas as novidades no mes de setembro, converténdose nunha das mellores e máis completas instalacións de Galicia.

 

Hai aproximadamente dous meses o Concello autorizou esta reforma e a empresa emprendeuna coa máxima celeridade para aproveitar o verán, datas nas que hai unha menor incidencia sobre  @s nos@s abonad@s. A obra estará completamente finalizada a comezos do mes de setembro, para iniciar a nova tempada cunha instalación do estreo  para os nosos usuarios.

 

As obras consistirán na ampliación da sala fitness en 250 metros cadrados e para iso constrúese unha placa sobre o spa. Unha vez finalizada e con ese espazo extra, cambiaremos de localización a sala de ciclo  indoor, que pasará á zona de recente creación, na que incorporaremos un espectacular sistema de audio, iluminación e vídeo. Ademais, a reorganización de espazos habilitará unha nova sala onde instalaremos proximamente unha actividade “Boutique”, para o que nestes intres estase a negociar con varias firmas punteiras do sector.

 

Pero non só ofreceremos moita máis capacidade aos nosos usuarios. Imos mellorar a climatización existente en sala fitness e estrearemos a solución intelixente de  eGym co seu equipamento de forza e o seu novo deseño e pantalla VISION de 15,6 pulgadas. Este circuíto de forza, será o primeiro en Galicia, facendo que a experiencia de adestramento dos nosos socios sexa totalmente conectada, máis divertida e eficiente. Unha nova aposta pola tecnoloxía no deporte, coa que queremos seguir sorprendendo aos nosos clientes, facéndolles chegar as últimas novidades do sector.

 

Ademais, continuando coa política da empresa de reinvestir nos centros cada ano, renovando o equipamento deportivo, incorporaremos 15 novas unidades de última xeración de Life Fitness (cintas, elípticas e bicicletas), con pantalla, conectividade, percorridos virtuais e TV para a nova zona ampliada. En total será un investimento de 600.000 euros, coa que a empresa  Máis que  Auga volve amosar o seu compromiso coa súa clientela e a cidade de Vigo, na súa aposta pola excelencia e as últimas novidades do sector.

 

O centro  Máis que  Auga de  Coia foi o primeiro que se puxo en funcionamento na cidade de Vigo a finais de 2010. Esta instalación atópase situada en pleno centro da cidade de Vigo, entre os barrios de  Coia e Florida, e cunha zona de influencia directa no seu radio de acción de 60.000 persoas.