O IX TROFEO DE PÁDEL CONCELLO DE VIGO CELTAMOTOR BATE RÉCORDS E ALCANZA AS 780 INSCRICIÓNS

29/06/2023

A novena edición do Trofeo de Pádel Concello de Vigo Celtamotor bateu todos os récords ao alcanzar as 780 inscricións, participación na que destacan os 124 nenos e nenas que  disputarán o torneo por primeira vez.

 

O Trofeo Concello de Vigo Celtamotor celebrarase do sábado 1 ao domingo 9 de xullo nas instalacións de pádel de Máis que Auga Barreiro e Navia. A principal novidade da edición deste ano é a incorporación da categoría infantil, na que participarán nenos e nenas de 7 a 14 anos, que por vez primeira disputarán o torneo Concello de Vigo. A resposta nesta categoría foi excepcional cunha inscrición de 124 xogadores/as, mentres que en adulto contamos con 656 deportistas, o que significa tamén un récord de participación no trofeo, que se celebra en todas as categorías dende iniciación á federada (masculina, feminina e mixta).

 

Dende a súa creación o Trofeo de Pádel Concello de Vigo Celtamotor non deixa de medrar e nin a pandemia logrou frear o seu crecemento. Proba diso foi que despois de dous anos de ausencia, o regreso no 2022 non puido ser mellor con récord de participación (312 parellas) e no 2023 volvemos superar marcas.

 

Agora, a desfrutar da competición, que comezará este mesmo sábado e que durante unha semana encherá de emoción e boas xogadas as instalacións de pádel de Máis que Auga.

 

E xa pensando na décima edición do torneo haberá novas metas e novos retos para superar, que moi pronto presentaremos. Agora, a gozar da competición!