O GRUPO TRAVESÍAS XA ESTÁ NO VAO

07/07/2020

O grupo Travesías volve ao mar. Superado o período de confinamento, recuperamos aos poucos a normalidade e o 27 de xuño os nosos  peixemans celebraron a súa primeira saída á praia, despois da inicial toma de contacto nas piscinas dos nosos centros tras tres meses de inactividade.

 

Así, con algo de atraso sobre calquera outro ano, o grupo Travesías volveu ás praias os sábados pola mañá, aínda que esta vez un pouco menos en forma do habitual. Alex Brea, coordinador do grupo, explicou que “a xente está bastante oxidada, pero compénsano coas enormes ganas coas que volveron á auga”. Está claro que foron moitos meses parados, porque, aínda que en casa podes facer algo de deporte, nadar é moito máis complicado a non ser que teñas piscina, algo ao alcance de moi poucos.

 

Así, nestes dous primeiros sábados ao aire libre, o ambiente foi excepcional e gozaron moito das súas primeiras  brazadas no mar. “Nestas dúas saídas fomos a Toralla, había un gran ambiente e, aos poucos, imos collendo o ritmo”, explicou Brea, que xa lle está dando voltas a unha interesante saída para as próximas semanas, “cando esteamos un pouco máis entonados”. De momento, a idea está só na súa cabeza!

 

Ademais, nas circunstancias actuais, a actividade non pode ser máis indicada: Ao aire libre, no mar… Podemos esquecernos de máscaras e de  contaxios, aínda que iso si, sempre mantendo a distancia social de prevención.

 

Para participar neste grupo só tes que estar rexistrado nalgún curso de natación de Máis que Auga de calquera dos nosos centros (na situación actual, só é necesario que non te deras de baixa, xa que non hai cursos en activo) e abonar un seguro obrigatorio (10 euros) para actividades externas que cobre todo o ano. Outros requisitos indispensables son ter ganas de pasalo ben e saber nadar coa suficiente solvencia como para poder ir ao mar.

 

O grupo Travesías xa é un veterano.  Naceu no ano 2014 co obxectivo de reforzar o traballo que durante o ano se fai nos cursos de perfeccionamento e máster e ano a ano foi medrando. De outubro a abril trabállase nos centros (cada semana en un de forma alterna) e durante verán, cambiamos as piscinas polas praias e tamén se inclúe a asistencia a travesías, algo que este ano está un pouco no aire, dada a situación actual. Así que, se queres ser un peixe máis, pregunta na recepción de calquera dos nosos centros polo grupo Travesías e informaranche! Esperámosvos o sábado ás 10:00 na praia do Vao!