O GRUPO TRAVESÍAS XA ESTÁ NO MAR!

11/05/2023

Os nosos “peixiños” xa están no mar! Como todos os anos no mes de maio, o noso Grupo Travesías cambia as piscinas dos nosos centros pola praia do Vao e este sábado 6 tiveron a súa primeira inmersión no mar do ano 2023.

 

E non podiamos faltar á cita! Tiñamos que falar co técnico responsable do grupo Travesías, Alex Brea, para saber como foi todo polas augas do Atlántico. E as sensacións non puideron ser mellores. Así nolo conta Alex: “Tivemos moita participación para ser o primeiro día e, ademais, tendo en conta que amenceu moi malo, con bastante choiva. Pero a verdade é que foi o día perfecto para nadar: A auga estaba cristalina; a temperatura, tanto da auga como exterior, era moi boa e a xente chegou con moitas ganas”.

No grupo moitas caras coñecidas, por suposto, pero tamén xente nova, con ganas de aprender. “A verdade é que o pasaron xenial, como nenos pequenos. Hai xente que repite, claro, pero tamén moitas caras novas con ganas de aprender e de gozar do mar e de compartir experiencias co grupo”. Xa sabedes, a cita todos os sábados, ás 10:00 horas, na Praia do Vao, cun técnico/a que vos acompañará sempre.

 

E lembrade que, para participar neste grupo, só tedes que estar rexistrado/a en algún curso de natación de Máis que Auga en calquera dos nosos centros e abonar o seguro obrigatorio (10 euros) para actividades externas (cobre todo o ano e todas as saídas no exterior). No caso de que non sexades abonados/as de MQA, poderíades sumarvos, contratando a actividade Travesías. Por último, lembrarvos que, se tedes dúbidas sobre o voso nivel, o ideal é facer unha proba na instalación á que pertenzades.

 

Grupo consolidado

 

O grupo Travesías xa é veterano. Xurdiu no ano 2014 co obxectivo de reforzar o traballo que durante o ano se fai nos cursos de perfeccionamento e máster. E non deixa de crecer.  De outubro a abril trabállase nos centros (cada semana nun de forma alterna) e durante o verán (maio, xuño e xullo), cambiamos as piscinas polas praias.