O GRUPO TRAVESÍAS PECHA O SÁBADO 12 A TEMPADA CUNHA SAÍDA EN ALCABRE

08/09/2020

O sábado 12 de setembro pecharemos a tempada 2019/20 do grupo Travesías cunha fermosa saída dende a Praia de Alcabre, que terá un percorrido de 2.600 metros. Os nosos peixemans están citados ás 09:30 horas na Praia de Alcabre, diante do hotel Los Escudos. A travesía partirá dende aí, pasando moi preto do Museo do Mar en dirección a un faro antiguo, e de volta ata Alcabre. Al final, case 2.600 metros para por o broche de ouro a tempada.

O grupo Travesías pecha a tempada máis atípica dende que se formou. O confinamento cortou os adestramentos e o post confinamento limitou case por completo as travesías ante a falta de competicións, polo que houbo que apostar por saídas programadas polo grupo, tentando buscar obxectivos particulares, tal e como nos contou o coordinador do grupo, Alex Brea. “Foi a tempada máis longa e diferente de todas, sen moitos obxectivos, sen travesías, pero gozando da posibilidade de nadar no mar”, manifestou Brea.

 

Tralo confinamento, o grupo volveu primeiro a adestrar nas piscinas e despois no Vao, e tamén fixo algunha saída especial como a de Nigrán ou agora a de Alcabre. Costou arrincar, pero ningún lle pode restar o entusiasmo aos nosos peixes, que cando hai saída ao mar, amosan a súa mellor cara. Nestes encontros xuntábanse unhas 15 ou 20 persoas, dependendo do sábado que fose.

 

E case non hai descanso para os nosos protagonistas. En outubro comezará a nova tempada  e como sempre facemos en inverno cambiamos o mar polas nosas instalacións. Así, os sábados segue a ser o día de encontro, pero imos alternando os centros (Navia, Coia ou Barreiro). Son sesión dunha hora e para participar neste grupo só tes que estar rexistrado nalgún curso de natación de Máis que Auga. Se necesitas máis información, non dubides en preguntar aos nosos técnicos de piscina ou na recepción.