O grupo de travesías Máis que Auga colle rumbo á praia

15/04/2018

En maio a praia do Vao en Vigo volve a ser base de operacións para os membros da sección Travesías de Máis que Auga. Este grupo de natación que funciona nos centros de Barreiro, Coia e Navia adestra habitualmente en piscina unha vez a semana, rotando de centro en centro. Agora combinarán a piscina cun adestramento semanal no mar.

A natación fóra da piscina esixe un adestramento específico para adaptarse ás condicións do mar: ondas, correntes e vento dificultan as manobras de desprazamento e respiración. Os técnicos de Máis que Auga realizan esta preparación específica tanto na piscina como no mar, de xeito que os usuarios estean preparados para as probas que se desenvolven na primavera-verán.

Para participares neste grupo so tes que inscribirte e abonar un seguro obrigatorio para actividades externas do centro que cobre os meses de maio, xuño e xullo.

A cambio, na sección Travesías atoparás un grupo onde reina un gran ambiente social e deportivo. As competicións de verán son un circuíto deportivo e turístico que engade interese a unha actividade deportiva tan saudable. Ven nadar ao mar con nós e convértete nun peixemán!