O GRUPO DE RUNNING MÁIS QUE AUGA XA ESTÁ Á CARREIRA

09/09/2023

En setembro poñémonos as pilas e o noso equipo de Running Máis que Auga é o primeiro en saír a adestrar. Despois do parón estival parece que había moitas ganas de volver porque desde a primeira sesión a afluencia foi moi alta e o ambiente, como sempre, excepcional.

 

Falamos co técnico do grupo de running de Coia Javi Vázquez para saber como fora o regreso: “A volta foi moi boa. Xa había ganas de volver xuntarnos despois dun mes desde o último adestramento oficial e a  verdade  é que moi ben. Tivemos algunha cara nova, algunha volta despois de períodos de lesións ou incompatibilidade de horarios pero, como sempre, o grupo recibe cos brazos abertos a calquera que queira unirse e son eles os que crean un clima moi bo”.

 

O equipo de running MQA

Pero para aquelas persoas que non o coñezan, imos presentar ao noso equipo de running. É case tan veterano como as nosas instalacións, porque desde o principio algúns socios/as reclamáronnos a posibilidade de correr fóra do centro para preparar carreiras. Así, cada instalación creou o seu propio grupo (Navia cando se puxo en marcha) cos seus técnicos. A dinámica é a seguinte. Saen dous días á semana (luns e mércores) co adestrador desde o seu centro e o venres realizan unha sesión conxunta en Castrelos, dirixida polo técnico dun centro (vanse alternando).

 

O noso grupo de running sempre se marca obxectivos e o principal é competir no circuíto de carreiras populares de Vigo, Run Run, aínda que sen esquecerse doutras probas como a VigBay, que adoita ter unha preparación especial. Pero a pesar de todo o que vos contemos das carreiras, a preparación, os obxectivos deportivos, que saibades que iso non é o máis importante. O mellor do grupo de running MQA son os seus integrantes, que conseguiron crear un grupo único, excepcional, no que o pasan moi ben xuntos, apóianse e axudan cando pasa algo malo e divírtense moitísimo tanto nos adestramentos como nas probas.

 

Así que xa sabedes, se queredes sumarvos ao grupo de running do voso centro, preguntade na recepción ou a algún dos nosos técnicos/as, que estarán encantados de informarvos. Iso si, avisámosvos, como probedes, non poderedes escaparvos. Este grupo engancha!