O EXERCICIO FÍSICO PODE REDUCIR A GRAVIDADE DOS CASOS DE COVID-19

06/09/2020

Sabemos o importante que é a actividade física para a saúde en xeral. É algo no que vos insistimos sempre, antes de que o mundo se cambalease pola COVID-19, e agora recalcámolo moito máis, pola importancia de estar fortes para enfrontarnos aos virus.

 

E como tamén sabedes gústanos referendar as nosas afirmacións en estudos contrastados e por iso, sempre que podemos, acudimos á ciencia. Desta forma, nesta ocasión presentámosvos o artigo da revista Muy Interesante, no que se fai referencia a un estudo da Facultade de Medicina da Universidade de Virginia.

 

“O 80 % dos pacientes confirmados con COVID-19 teñen síntomas leves sen necesidade de asistencia respiratoria. A pregunta é, por que?”. Este foi o interrogante que se fixo o doutor  Zhen  Yan, investigador da Facultade de Medicina da Universidade de Virginia, en Estados Unidos. Así expuxo a hipótese de que o exercicio físico tería un efecto protector no desenvolvemento da COVID-19 e, finalmente, os resultados dunha investigación médica, publicados na revista  Redox  Biology, “apoian firmemente a posibilidade de que o exercicio poida previr ou polo menos reducir a gravidade da síndrome de dificultade respiratoria aguda (SDRA), que afecta a entre o 3% e o 17% de todos os pacientes con COVID-19”, expón un comunicado da Universidade de Virginia.

 

No estudo deste investigador e o seu equipo, recompilouse toda a información científica existente sobre un antioxidante coñecido como “superóxido dismutasa extracelular” (EcSOD). Este potente antioxidante `caza´ radicais libres daniños, protexe os nosos tecidos e axuda a previr enfermidades. E como se produce este antioxidante? Prodúcenno os nosos músculos de forma natural, pero a súa produción vese reforzada polo exercicio cardiovascular.

 

O equipo tamén realizou un estudo no laboratorio con ratos e esta investigación suxire que bloquear a produción deste antioxidante empeorou os problemas de corazón, mentres que aumentalo tivo un efecto beneficioso. Unha diminución en EcSOD tamén se asociou con outras afeccións crónicas.

 

Por todo isto, o doutor Yan asegurou que o exercicio é unha das armas que temos para enfrontarnos ao COVID-19: “O distanciamento social ou respiratorio non é o único que podemos facer para evitar a exposición, ou depender dun respirador para sobrevivir se nos infectamos. O exercicio regular ten moitos máis beneficios para a saúde do que cremos saber. A protección contra esta grave enfermidade respiratoria é só un dos moitos exemplos “.

 

Podedes ler todo o artigo e as conclusións deste investigador norteamericano na seguinte ligazón.