O exercicio físico pode frear a perda de visión pola idade, segundo un estudo da Universidade de Virginia

30/07/2020

Sabedes que nos gusta acudir aos expertos para que confirmen iso do que estamos máis que seguros en Máis que Auga: Deporte é saúde. Sabemos e sabedes que o exercicio ten efectos positivos en múltiples aspectos tanto a nivel físico como psicolóxico, pero hoxe imos descubrir un que estamos seguros de que vos sorprenderá. A nós tamén nos sorprendeu!

 

Unha investigación da Universidade de Virginia asegura que a actividade física diminúe a perda de visión relacionada coa idade. O novo estudo foi publicado na revista científica ‘ Investigative  Ophthalmology & Visual  Science’. O equipo de investigación realizou varios experimentos con ratos (un grupo dos animais tiñan unha roda de exercicio na gaiola, e o outro grupo, non), para comprobar se o exercicio afecta directamente á dexeneración macular. Que é a dexeneración  macular?  Un trastorno ocular frecuente entre as persoas maiores de 50 anos, que provoca unha visión central borrosa ou reducida debido ao adelgazamento dunha parte da retina, que se chama mácula.

 

A análise dos investigadores foi clara: Os resultados suxiren que unha pequena cantidade de exercicio parece ofrecer resultados preventivos directos contra certos tipos de perda dexenerativa da visión.

 

Non vos perdades o artigo publicado pola revista  CMD  Sport sobre este estudo da Universidade de Virginia.

E lembrade que está demostrado que practicar exercicio de forma regular contribúe a manter unha boa saúde e a previr enfermidades.