O equipo Máis que Auga, primeiro por participación no Circuíto Run Run Vigo

11/06/2019

O equipo Máis que Auga vai primeiro na clasificación de equipos por participación e segundo na clasificación por puntuación do Circuíto Run Run Vigo, despois da celebración das cinco primeiras probas.

O pasado sábado celebrouse a Nocturna Correndo por Vigo na que Máis que Auga recibiu o premio ao equipo con máis participación. MQA inscribiu a un equipo de 63 participantes entre nenos e seniors que, coma sempre, puxeron a nota de cor na carreira, coas súas guías con banderolas (pacers) marcando o ritmo de carreira e o bo ambiente amosado durante toda a proba. Ademais, ao celebrarse a proba no barrio do centro de Coia, foron moitos os familiares e amigos que se achegaron ata alí para animar aos participantes.

Trala disputa da Correndo por Vigo, así van as e os nosos mellores atletas na clasificación individual do circuíto Run Run: Santiago Bernárdez (de MQA) ocupa a segunda posición na clasificación individual do circuíto da categoría M-3, mentres que Rosa María Álvarez é segunda en F-4. Ademais hai que destacar a terceira posición de Dolly Darlen en F-2.

Por equipos, Máis que Auga ocupa a primeira posición da clasificación por participación, mentres que é segundo por puntuación, por detrás do Castrelos.

A seguinte proba do circuíto Run Run será a Carreira de San Xoán, que se celebrará na noite do domingo 23 de xuño cun percorrido de 8,6 quilómetros, que vai dende a Praza do Rei ata o Berbés.