O EQUIPO DE RUNNING MÁIS QUE AUGA XA ADESTRA COA VIGBAY NA CABEZA

19/02/2024

A VigBay é sempre unha das probas sinaladas no calendario ao comezo da tempada e este ano o equipo de running Máis que Auga empezou a prepararse antes que nunca. É unha carreira tremendamente esixente, cunha distancia moi superior ás probas nas que participan normalmente e é por iso polo que require unha preparación especial, con tiradas máis longas.

 

E de que forma está a preparar o noso equipo de running a VigBay? Pois, ademais dos dous adestramentos habituais entre semana (luns e mércores), o sábado realízase un traballo específico, máis longo e sobre parte do percorrido polo que discorrerá a VigBay, de forma que así tamén gozarán dunha fermosa contorna. E isto xa comezou no mes de xaneiro. Esta vez empezamos con moito tempo!

 

A resposta dos nosos runners está a ser espectacular nestes primeiros adestramentos e é que hai moita ilusión por mellorar tempos nunha das mellores medio maratóns de Galicia. Así hai sábados que se reúnen máis de 30 corredores neste adestramento específico, acompañados por un dos nosos técnicos/as, e sempre cun ambiente excepcional, como é habitual no grupo de running de Máis que Auga.

 

A VigBay celebrarase o día 14 de abril, con saída desde Samil e chegada en Baiona, despois de discorrer tamén por Nigrán. Esta proba é unha medio maratón (21 quilómetros), aínda que tamén existe a opción da miniBay, que será un percorrido de 10,5 quilómetros entre Nigrán e Baiona.