O EQUIPO DE RUNNERS MQA, PROTAGONISTA DA VI CARREIRA CALVARIO 5+5

05/03/2024

O domingo 3 de marzo celebrouse a VI Carreira Calvario 5+5, segunda proba do Circuíto Run Run Vigo 2024, coa participación de case 500 persoas e co equipo Máis que Auga como gran protagonista.

 

E é que, unha vez máis, quen se sumou con máis entusiasmo á proba a pesar das inclemencias do tempo, foi o equipo de running de Máis que Auga, que se inscribiu de forma masiva para presentarse no Calvario con case 40 representantes. Así, logrou o premio ao equipo máis participativo da proba. Pero os méritos dos nosos runners non se acabaron aquí, xa que varios deles lograron subir ao podio.

 

O primeiro que temos que destacar é que as atletas Máis que Auga foron as verdadeiras triunfadoras nesta proba, xa que lograron un total de seis podios.

 

En 10 quilómetros, categoría F1, liderou e triunfou a nosa Ana Pérez, que logrou a súa primeira vitoria, aínda que xa subira ao podio antes. Como xa vos contamos hai uns meses, Ana é monitora de natación en Máis que Auga e deixouse líar polo técnico de running en Coia, Javi Vázquez, e comezou a adestrar co equipo a pasada tempada. E aínda que non quería marcarse grandes obxectivos, no Calvario logrou o primeiro triunfo na súa categoría, algo que seguro que a anima a seguir adestrando, porque como ela dicía, “o importante é facer adestramentos de calidade”. Nesta mesma distancia, na categoría F2, Julia Sampedro logrou a segunda posición.

 

En 5 quilómetros tivemos máis participantes e máis podios.  Na categoría F1, Lucía Llorente, tamén compañeira en MQA, alcanzou a terceira posición. E sumamos varias medallas de prata: Emilia Vidal (F2), Pilar Rivera (F3) e Rosa Álvarez (F5).

 

Nesta ocasión, na categoría masculina, só obtivemos un podio, que foi para Miguel Costas na categoría M3 en 5 quilómetros, quen logrou a terceira posición.

 

5+5 Calvario

O 5+5 é a segunda proba do circuíto Run Run Vigo 2024 e as e os participantes tiveron que desafiar ao tempo inestable e a intensa choiva. Pero fixérono co maior ánimo e gozaron ao máximo desta proba que discorre polo barrio do Calvario en dúas distancias para adultos (5 e 10 quilómetros) e tres para os máis pequenos. A próxima carreira do circuíto será o 17 de marzo, os 10K de Teis.