O DOMINGO 5 DE XULLO FAREMOS A RUTA DOS MIRADOIROS

30/06/2020

Seguro que despois da última experiencia estabades esperando pola próxima ruta… Pois aquí está! O domingo 5 de xullo volvemos saír de marcha nórdica e faremos a Ruta dos Miradoiros, dende o Monte dos Pozos ata o Alba, pero con paradas no Parque do Maruxento e o Parque Forestal da Aguieira. Cada parada ofrecerá unha vista única e diferente da ría e da cidade de Vigo para os nosos marchadores!

 

Teremos tres traxectos diferentes para adaptarnos a todas as condicións físicas. Así haberá un máis curto para familias con peques ou aquelas persoas que prefiran unha ruta máis curta e sinxela. Nesta opción irán directamente do Monte dos Pozos ao Monte Alba e regreso, cun percorrido total de 6 quilómetros.

 

O segundo trazado será de 10,5 quilómetros, pasando por estes catro miradoiros (Monte dos Pozos, Maruxento, Aguieira e Alba) e un desnivel aproximado de 450 metros. Será unha andaina moi fermosa e bastante esixente, pero que aínda se pode converter en máis dura, para aqueles que queira facer trail. Esta terceira ruta contará  cun percorrido de 13,7 quilómetros con 600 metros de desnivel e subida ata o Castro de Chandebrito.

 

As previsións do tempo auguran un día de verán con moita calor, así que adiantamos a hora de saída (09:00 horas, Parque Forestal Monte dos Pozos) e hoxe máis que nunca é fundamental que non esquezades levar crema protectora para o sol, viseira ou gorra e auga. E por suposto, un calzado moi cómodo. Ademais, teremos o máximo coidado en manter as distancias de seguridade, para que todos nos sintamos seguros.

 

Os habituais xa sabedes que esta actividade é gratuíta para os nosos socios/ as, mentres que para non abonados o custe é de 4 euros. Iso si, en ambos caso, é obrigatorio ter o seguro anual (10 euros), que só se abona unha vez e cubre todas as actividades que se realicen a o longo do  ano. Todas as persoas interesadas en facer a Ruta dos Miradoiros poderán inscribirse en calquera das recepcións das nosas instalacións.

 

No seguinte enlace, tedes o punto de encontro para a saída. E recordade que no Monte dos Pozos hai merendeiros e restaurante para xantar, se queredes completar a xornada cunha agradable comida ao aire libre.