O DOMINGO 3 DE DECEMBRO APUNTÁMONOS Á ANDAINA MÁIS ESPECTACULAR POLO VIXIADOR

28/11/2023

E por se quedastes con ganas de máis, o domingo 3 de decembro regresamos ao Vixiador! Nesta ocasión imos realizar unha andaina para coñecer a fondo este parque forestal, pensando na proba de orientación do día 17 de decembro, que será o acto de clausura do ano 2023 para as actividades OutExperience.

 

Sairemos ás 9:30 horas desde a cantina do parque forestal do Vixiador, igual que fixemos o día anterior para realizar o roteiro en bicicleta de montaña. Espéranos un percorrido de 12 quilómetros, no que atravesaremos bosques e carreiros ata a zona do Coto da Aguia, para baixar posteriormente á zona de rocas do “banco máis bonito do mundo”, desde onde gozaremos das mellores vistas da Ponte de Rande e da Ría de Vigo.

 

Continuaremos o noso percorrido, descendendo ao pobo de Trasmañó para regresar ao Vixiador polo Rego Fondón, un regato pouco coñecido pero que ten un encanto incrible, que seguro que vos sorprenderá.

 

Este non será un dos nosos roteiros máis sinxelos. Calculámoslle unha duración de 4 horas e dificultade media, con zonas de barro e tamén cruzaremos algún regato, así que vos recomendamos que levedes calzado con gore-tex. Como sempre, estaremos pendentes das condicións climatolóxicas e, no caso de que empeore o tempo, o noso técnico Dani Domínguez, improvisará un cambio no roteiro para que sexa máis cómodo.

 

Como vos dicimos sempre, non esquezades ver as previsións meteorolóxicas para levar a roupa adecuada, e tampouco saiades sen víveres, que son catro horas de actividade e sempre vén ben auga e algo para comer, para repoñer forzas.

 

Aquí tedes a ligazón ao momento de saída e ao percorrido en Strava do roteiro.

Se queres sumarte á familia OutExperience, só tes que solicitar información na recepción de calquera dos nosos centros, onde tamén poderás reservar a túa praza. Iso si, lembrámoste que para poder participar nas actividades OutExperience é necesario ter o seguro anual obrigatorio que se paga só unha vez (11 euros) e cobre todas as actividades que se fagan durante un ano no exterior.

 

Ademais, lembramos que o programa Outexperience se pode pagar por tempada, e resulta moito máis económico, ou por actividade solta. O custo por saída é de 4,35 euros para o adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Pero, se es dos que non se perde ningunha destas actividades, interesarache o abono por tempada, xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, por 40€.