O DOMINGO 21 DE XANEIRO PODEMOS ELIXIR ENTRE O TRAIL RUNNING E UNHA ANDAINA POLO GALIÑEIRO

16/01/2024

Xa vos dixemos que esta fin de semana está chea de actividade. O sábado teremos xornada de portas abertas, especial zumba e saída en BTT e para o domingo 21 preparámosvos unha dobre saída ao monte Galiñeiro (trail running e andaina). E ao finalizar, podemos pechar a mañá cunha comida de grupo na cantina da Cultural de Herville. Planazo!

 

Pero, como sempre, imos por partes. O domingo 21 arrinca ás 9:30 horas na Ermida de Herville, punto de inicio da nosa primeira proba do ano de iniciación ao trail running. Será un roteiro de aproximadamente 7 quilómetros, que nos levará ata a cima do Galiñeiro, onde se atopa o vértice xeodésico. É unha saída perfecta para todo o mundo que queira iniciarse nas carreiras de montaña, de dificultade media-baixa.

 

Pero como somos así, ao noso técnico OutExperience Dani Domínguez parecíalle pouco, así que dixo: “E se despois imos camiñar polo monte?” Dito e feito. Ás 11 da mañá, arrincará a andaina, que nos levará tamén ata o alto do Galiñeiro, nun percorrido moi parecido ao do trail, pero con menos dificultade. Así, a iso das dúas da tarde estaremos un pouco cansos pero felices, na cantina da Cultural de Herville, onde poderemos finalizar a xornada cunha comida en grupo para repoñer forzas, despois dunha longa mañá de actividade física en grupo.

 

A continuación, deixámosvos as ligazóns co punto de saída e os percorridos en Strava de ambas actividades.

Lembrade que debedes levar roupa e calzado adecuados para esta actividade no exterior, así como algo de bebida e comida. E non esquezades ver as previsións meteorolóxicas por se é necesario meter algo de máis abrigo ou un chuvasqueiro.

 

Se ti es unha desas persoas que prefire facer deporte ao aire libre, que goza coñecendo novos lugares e a novas persoas, o programa OutExperience é para ti! Se queres sumarte á familia OutExperience, só tes que solicitar información na recepción de calquera dos nosos centros, onde tamén poderás reservar a túa praza. Lembra que para poder participar nas actividades OutExperience é necesario ter o seguro anual obrigatorio que se paga só unha vez (11 euros) e cobre todas as actividades que se fagan durante un ano no exterior.

 

Ademais, lembrámosvos que o programa Outexperience pódese pagar por actividade ou por tempada. Se es dos que non se perde ningunha destas actividades, interésache o abono por tempada, xa que o prezo para os socios/as é de 20 euros e de 40 para os non abonados/as. O custo por saída é de 4,35 euros para o adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€).