O DOMINGO 19 DE XULLO TOCA MARCHA POLOS MONTES DE SAIÁNS, SAN MIGUEL E CORUXO

14/07/2020

Sabemos que estades a esperar pola próxima marcha e aquí está! O domingo 19 de xullo (09:00 horas) faremos o roteiro Saiáns-San Miguel de Oia-Coruxo-Chandebrito, espectacular no seu percorrido e cun marabilloso miradoiro (Alto da Bandeira) que vos deixará pampos.

 

Como sempre, o noso técnico Daniel Domínguez preparou tres percorridos diferentes para que todos atopedes unha proposta que se adapte ás vosas condicións físicas. Teremos un roteiro de trail, de 12 quilómetros e 650 metros de desnivel. O circuíto, que será circular, discorrerá polos montes de Saiáns, San Miguel de Oia e Coruxo, e tamén existe a posibilidade de recortar a distancia, se se fai excesivamente longa. Está estimada que a duración sexa de dúas horas, contando as paradas para recuperar e gozar das vistas.

 

Os nosos técnicos fixeron o percorrido e preparáronnos este vídeo, que compartimos convosco, para que poidades comprobar a súa beleza.

A preparación da ruta de trail

A segunda opción será a andaína de 13 quilómetros, un roteiro que discorrerá polos montes de Saiáns, San Miguel de Oia, Coruxo e Chandebrito, con 500 metros de desnivel e a opción de recortar uns tres quilómetros. E por último, para os nenos e familias temos un roteiro duns 5 quilómetros. A primeira parte é común co traxecto da andaina ata alcanzar o fermoso miradoiro do Alto da Bandeira, e despois os nenos comezarán un descenso ata o punto de orixe.

 

O lugar da saída será o parque forestal de Saiáns ás 9:00 horas e como sempre, debedes ir ben preparados con roupa e calzado cómodo, crema protectora solar, sombreiro ou gorra, auga… Lembrámosvos que podedes inscribirvos na recepción de calquera dos nosos centros, e que esta actividade é gratuíta para os nosos socios/as. Unicamente hai que abonar o seguro anual (10 euros), que cubrirá todo o ano, ademais de que tamén servirá para o equipo de running ou outras actuacións ao aire libre. Se realizastes algunha actividade este ano, xa teredes a póliza. Para os non abonados Máis que Auga, o custo será de 4 euros, ademais do seguro anual.

 

Na seguinte ligazón, tedes o punto de encontro, que será no parque forestal de Saiáns. Como sempre, os roteiros finalizarán neste mesmo lugar, onde poderemos facer unha comida ao aire libre nas mesas que hai no parque, coa precaución precisa, que non impide a risa e o bo humor.