O DOMINGO 17 DE MARZO, DOBRE ACTIVIDADE OUTEXPERIENCE EN MONTEFERRO

11/03/2024

E como sempre queremos máis, para o domingo 17 de marzo témosvos preparada unha dobre actividade OutExperience na fermosa contorna de Monteferro! Teremos un roteiro de iniciación ao trail running e despois sendeirismo.

 

Así que, o primeiro será contarvos o noso plan! Comezaremos ás 9:30 horas coa iniciación ao trail running, sendo o punto de saída a Praia de Panxón (porto deportivo). Desde aquí realizaremos un percorrido de aproximadamente 8 quilómetros con 300 metros de desnivel e unha duración aproximada de 1 hora e media.

 

E ao finalizar, para aquelas persoas que se quedaron con ganas de máis, ou para quen prefire o sendeirismo, comezará a segunda saída. Ás once, e dende mesmo punto de inicio, realizaremos un percorrido moi similar ao do trail, con paradas obrigadas na Rosa dos Ventos, o columpio ou o monumento á Mariña, entre outros. Neste caso a duración será de dúas horas e media aproximadamente e ao finalizar estaremos cansos/as pero coa alma chea de imaxes e momentos inesquecibles, despois de coñecer unha verdadeira xoia, tanto pola contorna natural que é como pola súa historia.

 

Estamos seguros de que moitas e moitos dos que nos ledes xa sabedes os imprescindibles para realizar este tipo de actividades, pero sempre é conveniente lembralo, sobre todo pensando nos novos. Debedes levar roupa e calzado adecuados para esta actividade no exterior, así como algo de bebida e comida para repoñer forzas. Ademais, e moito máis con este tempo tolo, non esquezades ver as previsións meteorolóxicas por se é necesario meter algo de máis abrigo ou un chuvasqueiro.

 

E xa para finalizar, só dicirche que, se ti es unha desas persoas que goza do deporte ao aire libre, que ansía coñecer contornas naturais e a novas persoas, o programa OutExperience é para ti! Se queres formar parte da familia OutExperience, só tes que solicitar información na recepción de calquera dos nosos centros, onde tamén poderás reservar a túa praza. Lembra que para poder participar nas actividades OutExperience é necesario ter o seguro anual obrigatorio que se paga só unha vez (11 euros) e cobre todas as actividades que se fagan durante un ano no exterior.

 

O programa Outexperience pódese pagar por actividade ou por tempada. O custo por saída é de 4,35 euros para o adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€), pero os habituais prefiren o abono, xa que o prezo para os socios é de 20 euros e de 40 para os non abonados/as por toda a tempada.

 

A continuación, deixámosvos as ligazóns co punto de saída e os percorridos en Strava de ambas as actividades.