O DOMINGO 12 DE XUÑO, ÚLTIMA ETAPA DO CAMIÑO FRANCÉS: APÚNTASTE?

05/06/2022

O domingo 12 de xuño realizaremos a última etapa do Camiño Francés e finalizaremos así un novo reto #OutExperience, que, como sempre, nos enche de enerxía, positividade e alegría. Podedes sumarvos ao grupo e realizar esta etapa Santa Irene-Santiago connosco (ata completar aforo), nunha xornada moi especial, xa que finalizará na Catedral de Santiago.

 

Así que imos contarvos o plan! Saímos de Vigo en autobús ás sete da mañá aproximadamente (haberá varios puntos de parada en Vigo e tamén en Mos e Pontevedra), para desprazarnos ata o punto de inicio do noso roteiro. Son en total 23 quilómetros do Camiño Francés ata chegar a Santiago e comezaremos a marcha aproximadamente ás 09:00 horas. O tempo estimado do roteiro é de cinco horas, polo que chegariamos á Catedral para comer. Ah, desde a chegada teredes unhas horas libres en Santiago para facer o que consideredes, ata a hora de volta a Vigo (ás 19:00 horas).

 

Tal e como realizamos durante as outras cinco etapas, iredes acompañados por un técnico de Máis que Auga e dous guías da empresa Galegría e no prezo da etapa (25 euros) está incluído o transporte en bus (Vigo-Santiago, ida e volta), seguro e os técnicos de acompañamento. Así que, se vos animades a esta nova aventura Máis que Auga, só tedes que inscribirvos para realizar a última etapa do Camiño Francés chamando ou enviando un WhatsApp a  Galegría (633 07 59 35). Iso si, facédeo canto antes, é aforo limitado! E por suposto non esquezades o imprescindible para o roteiro: Calzado e roupa moi cómoda; visera ou gorro para protexerse do sol; crema protectora; e algo para comer e beber durante o percorrido.

 

A continuación, deixámosvos en ligazón co percorrido en  strava, por se queredes estudalo e ver o que vos espera nesta saída, na que reinará o humor, compañeirismo e bo ambiente. E proba diso son as fotografías que realizamos durante o Camiño e que poderedes consultar na seguinte ligazón.