O DOMINGO 11 IMOS DE RUTA AO ROSAL A COÑECER OS MUIÑOS DO FOLÓN

06/10/2020

Como nos imos a quedar o domingo en casa se temos unha proposta así para todos vós! Para o  día 11 de outubro o noso técnico Dani Domínguez preparounos un roteiro espectacular, no que combinaremos natureza, paisaxes, patrimonio cultural, actividade física, familia e amigos, e moitas risas: Imos de marcha aos  Muíños  do  Folón!

 

Como sempre, dous puntos de encontro. Ou ás 08:30 horas no Máis que Auga de  Coia, desde onde sairemos xuntos en diferentes coches, ou ben xa ás 10:00 horas no propio lugar, no municipio do Rosal (deixámosvos a ligazón para que poidades chegar sen problema).

É un dos roteiros máis curtos que realizamos ata o de agora, aínda que ten partes esixentes de subida. Será un percorrido circular, de algo menos de 4 quilómetros pero dunha enorme beleza, con incribles vistas, ríos, fervenzas, uns 60 muíños que foron declarados Ben de Interese Cultural, o terreo escarpado… Darédesvos conta da verdadeira beleza que vos espera, grazas a Dani, que nos permitiu vivir a experiencia con el durante a preparación desta saída.

A zona de maior dificultade será a empinada subida aos muíños de Folón, mentres que a baixada, polos Muíños de Picón será máis levadía, xa que ten algo menos de dificultade. Ademais, para aqueles aos que se lles quede curto o paseo, temos a opción de visitar dous muíños restaurados pola zona do Rego de Cal, un río precioso con fervenzas e pozas que hai na zona superior.  Así alcanzariamos os 7 quilómetros (con 320 metros de desnivel).

 

Como sempre, lembrade que debedes levar zapatos e roupa cómoda para camiñar, os vosos bastóns de marcha nórdica se os tedes (tamén tedes a opción do préstamo), auga e bebida para o camiño e… a vosa máscara, complemento obrigatorio na nosa vida. Como sempre, para os que queirades temos a opción de quedarnos a comer. Nesta saída o lugar elixido é a desembocadura do  Tamuxe, onde hai unha zona preciosa. Ademais as previsións meteorolóxicas son moi boas, polo que será unha gran xornada de lecer e actividade física.

 

Así que, se queredes acompañarnos, só tedes que reservar a vosa praza en calquera dos nosos centros. Como xa sabedes é unha actividade gratuíta para os nosos abonados/ as e ten un prezo de 4 euros para o resto (iso si, en ambos os casos, os participantes deben ter activo o seguro obrigatorio para realizar actividades no exterior, que ten unha vixencia dun ano e un custo de 10 euros).