O DOMINGO 1 DE OUTUBRO IMOS DE ANDAINA POLO CARREIRO DO RÍO FRAGA DE MOAÑA

25/09/2023

Máis plans para a fin de semana! O domingo 1 de outubro realizaremos a andaina Rego da Fraga en Moaña, onde gozaremos dun percorrido incrible no que non nos faltará de nada: Costa, bosques, río, muíños… Un planazo que non vos podedes perder!

 

Sairemos ás 10:15 horas desde a chaira da praia de Xunqueira e a partir de aí espéranos un percorrido de aproximadamente 13 quilómetros (ida e volta) polo marabilloso carreiro do río Fraga, un percorrido fermoso no que se vai vendo o cambio da paisaxe, desde a costa aos terreos de cultivo e finalmente a zona de regato con muíños e vexetación autóctona de carballos e castiñeiros. É un carreiro que ascende polo leito do río, con zonas de cruzamento e cambio de beira con pontes e que, no tramo máis alto, fai un pequeno carreiro circular. A duración estimada da actividade é de catro horas e de dificultade moderada (sinxela a zona máis baixa e un pouco máis técnica na superior). A hora prevista de regreso ao lugar de saída é ás 14:00 horas.

 

Como sempre, uns recordatorios: Non esquezades levar calzado cómodo e adecuado para esta camiñada por carreiros, roupa para facer deporte e algo para beber e comer, xa que será unha actividade longa polo que haberá que repoñer forzas. Tamén estaremos moi pendentes das previsións meteorolóxicas, por se necesitamos levar roupa de abrigo ou chuvasqueiro.

 

Aquí tedes tanto a ligazón ao momento de saída como o percorrido en Strava do roteiro.

Como vos estamos lembrando estes días, os prezos das actividades Outexperience soltas son de 4,35 euros para adulto non abonado/a por saída, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Pero, se es dos que non se perde unha saída, interesarache o abono por tempada (de setembro ata o 30 de xullo), xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, 40€.

 

Por último, lembrarvos que os participantes deberán ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.