O DEPORTISTA MQA ANTONIO SERRAT, SÉTIMO NO MUNDIAL DE TRÍATLON!

29/11/2022

O deportista Máis que Auga Antonio Serrat rematou o Mundial de Tríatlon 2022 na sétima posición, despois da celebración da Gran Final esta fin de semana en Abu Dhabi. A pesar de ser unha magnífica posición, non foi precisamente sinxelo, xa que o vigués chegou a esta proba (imprescindible para ter clasificación no Mundial) despois dunha dura caída adestrando que o deixou con varias feridas no corpo e un pouco dorido.

 

Pero o mellor será ir por orde cronolóxico. A volta de Bermuda, onde Serrat fixera podio por vez primeira nunha Serie Mundial cun espectacular segundo posto, o galego caeu mentres adestraba na bicicleta. Como resultado da caída, aínda que afortunadamente sen fractura, tivo varias feridas no corpo e moitos puntos de sutura: 12 puntos no antebrazo e 2 na man.

 

Así tivo que permanecer uns días sen adestrar, pero como estaba á volta da esquina a Gran Final non puido parar o tempo necesario para curar as feridas. Serrat chegaba a esta proba na sexta posición e se quería ter clasificación no Mundial, tiña que facer si ou si esta carreira (é condición indispensable). Así que, coas feridas sen curar de todo, saíu a competir, pero sen estar ao cen por cento. Na auga procurou escapar do grupo, xa que os golpes podían abrir as feridas e facerlle dano, e saíu ao final do primeiro gran grupo. Tivo que traballar na bicicleta para meterse neste grupo e despois, na carreira a pe, non se sentiu cómodo e finalizou nunha discreta 37 posición, que lle fixo baixar un posto na clasificación xeral. Pese a todo, esa sétima posición no Mundial é moi boa e son moitos os aspectos a destacar desta fantástica tempada: Logrou a segunda posición en Bermuda, sendo podio nunha Word Serie por primeira vez; liderou o Mundial tamén por primeira vez; foi o único triatleta do mundo que disputou todas as probas do Mundial e foi o mellor español de longo. Así que moitos aspectos positivos a destacar desta tempada, especialmente longa e dura, na que ademais tivo dúas caídas e problemas estomacais que dificultaron o seu rendemento.

 

Agora toca descansar uns días, primeiro para recuperar esas feridas no brazo (algo que non fixo por forzar para ir a Abu Dhabi) e despois descansar un pouco ata finais de decembro, data na que comezará a adestrar xa pensando na nova tempada, na que hai moito que vivir e gozar. De entrada, a final das Series Mundiais celebrarase en Pontevedra e ademais está en xogo a clasificación para os Xogos Olímpicos de París, que serían os primeiros de Serrat, tras ser reserva nos pasados.