O DEPORTISTA MQA ANTONIO SERRAT COMEZA A TEMPADA MÁIS ILUSIONANTE

11/02/2023

O noso deportista Máis que Auga, o triatleta Antonio Serrat, atópase en plena pretemporada, preparándose para un ano importante, previo aos Xogos Olímpicos, e que inicia como número 1 da clasificación española. Así que quixemos falar con Antonio, saber como está a ir a preparación, as súas sensacións, próximos compromisos e demais.

 

📷@bertab.c

Puxémonos en contacto con el, que se atopa en Mallorca desde o mes de xaneiro, en busca de bo tempo. “Hai que acumular moitos quilómetros en bicicleta e aquí a choiva respéctanos un pouco máis para este traballo”.

 

Así, a tempada comeza dentro dun par de semanas. Será a primeira proba do Mundial, que se celebrará o 3 de marzo en Abu Dhabi, en distancia sprint. Despois, haberá un pequeno parón no Mundial, para continuar coa preparación e afrontar a competición nacional, fundamental para despois poder acudir ás citas internacionais. Ademais, este ano será moi especial para o vigués, que terá a posibilidade de disputar a gran final do Mundial na casa e ante os seus, xa que se celebrará en Pontevedra no mes de setembro. E por se fose pouco, Madrid acollerá o Campionato de Europa no mes de xuño.

 

Outra das  citas craves esta tempada será a proba test dos Xogos Olímpicos, que se celebrará en París no mes de agosto. A Federación Española de Tríatlon decidiu que “se un triatleta español fai podio nesta proba, gañará unha praza directa para os Xogos”. A pesar de todo, Serrat cre que “non hai que volverse tolo por esta proba. O importante é estar aí e as probas póñenche ao final no lugar que mereces. É verdade que agora mesmo son o primeiro español, pero o importante non é como comeza a tempada, senón como finaliza”.

 

A pasada tempada foi moi importante para Serrat, xa que logrou o primeiro podio nunha proba do Mundial (foi segundo na Serie Mundial de Bermuda), finalizou na sétima posición do mundial e co número 1 da clasificación española. E todo iso a pesar dun par de caídas e algúns problemas estomacais que lle afectaron en varias carreiras. Así que este ano, o obxectivo é continuar polo mesmo camiño, tratando de seguir crecendo no seu rendemento.

 

Agora está centrado na súa preparación e na primeira proba do Mundial, obxectivo inmediato nun par de semanas. Moita sorte, Antonio!