O DEPORTISTA MÁIS QUE AUGA ANTONIO SERRAT, VENCEDOR DO FETRI PROTOUR DE MÁLAGA

24/10/2023

Fantástica fin de semana para o noso deportista Máis que Auga Antonio Serrat, que logrou proclamarse vencedor do FETRI Protour de Málaga. E é que despois dunha tempada na que non se atopou do todo ben, Serrat está a acabar a campaña a un gran nivel tanto a nivel de resultados como de sensacións, que foi algo que lle faltou estes últimos meses. A semana pasada logrou a segunda posición no Copa do Mundo de Brasília e o sábado alcanzou a vitoria nunha proba tremendamente espectacular.

 

O formato do FETRI Protour (eliminatorias en distancia supersprint) é moi rechamante e esixente. O primeiro, porque pola mañá dispútanse as semifinais e a final, na que participan os 24 deportistas clasificados nas semis, celébrase ese mesmo día pola tarde. E ademais, en cada unha das probas non está permitida a relaxación en ningún momento, xa que en cada un dos tres segmentos quedaban eliminados os dous últimos clasificados. Por iso, Serrat afrontou a proba con concentración máxima desde a semifinal e sempre estivo na cabeza para evitar sustos.

 

O gran rival de Serrat durante a proba foi Sergio Baxter, xa que ambos coincidiron tanto na semifinal como na final e estiveron xuntos na cabeza en ambas as carreiras, cunha boa coordinación ata os momentos finais. Na final, a carreira a pé foi decisiva, xa que o vigués atacou xusto ao arrincar este sector e aguantou firme e con forzas ata o final, a pesar dos intentos de Baxter por recortar distancias. Ao final, vitoria para Antonio Serrat, mentres que segundo foi o murciano Baxter e terceiro, Genis Grau.

 

Desta forma, Serrat poñerá punto e final á súa tempada, aínda que estivo a barallar alongala un pouco máis para acudir a mediados de novembro á Copa del Mundo en Chile. Finalmente, aquí acábase a tempada no aspecto deportivo, aínda que estaremos moi pendentes das últimas probas porque, sen competir, Serrat pode pechar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París, se finaliza no top 15 do ranking olímpico ao 31 de decembro. Agora mesmo ocupa o 12º posto, pero faltan os Xogos Paramericanos, polo que pode perder algunha posición. Así que non queda outra que esperar e ir vendo os resultados das seguintes probas e confiar en poder comezar a tempada coa tranquilidade de ter a clasificación olímpica no peto, aínda que ao longo do ano 2024 terá que referendala con boas actuacións.