O deporte feminino premia a María Bautista como mellor xuíza

16/09/2017

En  Máis que Auga non podemos estar máis satisfeitos! A Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA) ven de premiar a María Bautista, a nosa adestradora de taekwondo, como mellor xuíza.  María recolle o premio este venres na Gala do Deporte Galego que se celebra no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra. A traxectoria de María e meteórica: comezou a adestrar con 7 anos e a arbitrar aos 13. É adestradora nacional dende 2003 e árbitro internacional dende 2005.

María está feliz con este premio por varias razóns: “O primeiro porque supón un recoñecemento ao meu traballo pero tamén porque é un xeito de transmitirlles ás mulleres deportistas que é posible sobresaír e chegar ao máis alto no mundo do deporte”

Maria sempre tivo moi presente na súa vida un feito que a marcou para sempre. Foi no pavillón das Travesas en Vigo, nun partido de balonmá do Octavio. Daquela veu por primerira vez a unha muller arbitrando e pensou: “Quero ser como ela”  Conseguíuno.  Aquela muller que tanto impactou a María era a viguesa Cristina Fernández, quen por certo ten unha mención especial na gala do deporte deste venres. O primeiro que fixo María nada máis coñecer que lle deran o premio foi abrir o seu Facebook e  compartilo cos seus amigos. Nos agradecementos non esqueceu a Cristina: “Grazas a ela fun quen de soñar” , escribíu.  María aplaude tamén todo o traballo que fai Mudega dándolle visibilade e recoñecemento ás mulleres deportistas galegas.

Cando lle preguntamos cales son os valores que debe ter unha xuiza non dúbida nin un segundo á hora de contestar: “Coñecer moi ben o regulamento, integridade, humildade, empatía e ser quen de aprender dos teus erros”. Parabéns María, é un orgullo terte con nós formando parte do equipo Máis que Auga! Desfruta deste máis que merecido premio!