O corredor tardío que superou a Will Smith en La Habana

09/01/2019

“Estou moi canso, é suficiente para min. Grazas, meu amigo”, foi todo o que o actor Will Smith acertou a dicir cando Antonio Bermúdez Bilbao lle pasou diante no Maratón de La Habana (Cuba), tentando animalo para que continuara correndo, xa á altura do kilómetro 21. Acadou un terceiro posto na súa categoría. Ten 72 anos e leva toda a vida sen parar aínda que, o de correr foi, máis ben, unha afición tardía.

“Recuerdo mis primeros pasos, desde donde está el edificio A Laxe hasta Bouzas y volver, y era interminable”, lembra. Pero diso hai xa case dez anos. Dez anos nos que non lle fraquearon as forzas.

O seu día a día discorre no centro Máis que Auga Navia, ao que intenta non faltar nin unha soa xornada para adestrar na sala fitness e tamén, por que non, para intercambiar uns risos e unhas palabras coas amizades. O seu exercicio favorito é a elíptica. Sobre estas máquinas, calquera pode atopalo habitualmente, gañando resistencia e pensando, talvez, na seguinte aventura.

“Tengo una discapacidad seria a la hora de correr. No puedo bracear bien y siempre me lesiono”

Sen barreiras. A súa perseveranza levouno ata escenarios que xamais puidera imaxinar cando, de cativo, unha neglixencia médica lle provocou unha infección no óso do brazo esquerdo. Aos seus 13 anos, a consecuencia foi unha descompensación entre ambas partes do corpo.

Hoxe ten unha discapacidade do 63% e non pode levantar a extremidade máis de 45º. “Es serio a la hora de correr, no puedo bracear bien y siempre me lesiono”, di. Iso non lle impediu, ao longo dos últimos anos, acumular unha longa lista de logros.

Entre outras cousas, participou no Maratón de New York (2011), foi campión de España en diferentes modalidades (2013 e 2016), e participa no Grand Slam Cántabro dende a súa creación. Deterse non é unha opción.