O CELTA ZORKA RECALVI SEGUE NA ELITE DO BALONCESTO FEMININO!

22/04/2024

O Celta Zorka Recalvi logrouno! Seguirá un ano máis na máxima categoría do baloncesto español feminino, despois dun final de tempada duro, agónico e tremendamente complicado. Pero estas mozas nunca se renden, loitaron ata o final e obtiveron o seu premio, máis que merecido.

 

As viguesas chegaban á última xornada ligueira sen depender delas mesmas. O Celta tiña que gañar ao pechacancelas, Embutidos Pajariel Bembibre, e esperar que o Gran Canaria perdese na cancha do Girona, un rival duro que loitaba pola cuarta posición. A primeira parte da ecuación logrouse claramente. Ao descanso, as celeste vencían por 20 puntos, así que a atención máxima xa non estaba no que sucedese no Pavillón de Navia, unha vez máis abarrotado dun público entusiasta, senón que os ollos estaban postos nos móbiles para saber que sucedía en Girona, onde o choque avanzaba terriblemente igualado.

 

E chegou o final en Vigo, cunha vitoria moi clara e contundente do Celta ante o Bembibre (94-57), pero o xogo continuaba en Girona e había que esperar. Así, o público permaneceu na bancada; as xogadoras e o corpo técnico na cancha, pendentes dunha tablet na que se estaba seguindo o partido clave. A situación non podía ser máis curiosa e á vez estresante, xa que as distancias eran moi curtas.

 

Pero chegou o final e a explosión de alegría no pavillón de Navia. Público, autoridades, xogadoras, directiva, corpo técnico… Todos gritaron á vez e empezaron a saltar de alegría, a chorar, a bailar… Sen dúbida, momentos para celebrar, porque esta tempada foi especialmente dura. No tramo final, cando o Celta estaba a lograr grandes resultados, o Gran Canaria, que se reforzou ben, comezou a remontada e obrigou ás viguesas a conseguir moitos máis puntos que nunha tempada normal. Pero chegou o premio e a próxima tempada volveremos gozar do Celta na liga Feminina Endesa.

 

Desde Máis que Auga queremos felicitar ao club por este logro que chegou a base de traballo, esforzo, dedicación e ilusión e xa soñamos coa próxima tempada na que nos esperan moitos máis partidos máxicos no pavillón de Navia.

 

Convenio colaboración

Como seguro que xa sabedes, Máis que Auga e Celta feminino asinaron o pasado ano un convenio de colaboración, polo cal o equipo pode utilizar as nosas instalacións para a súa preparación cando o necesite. Ademais, MQA realizou accións puntuais nalgún partido en Navia e apoia ao equipo a través das súas redes sociais.