O ADESTRADOR QUE TI QUERES!

26/01/2022

Hoxe queremos presentarvos o servizo de adestrador persoal de  Máis que  Auga e para iso acudimos ás fontes máis fiables: Os protagonistas! Quixemos falar con Aitor Domínguez, un dos nosos adestradores persoais máis reclamados, para que sexa el mesmo quen nos presente o servizo. “O servizo de adestrador persoal permite conseguir a máxima eficiencia no traballo, optimizar o tempo e conseguir uns resultados que, doutra forma, é moito máis complicado”, cóntanos Aitor, quen resume todo nunha frase moi significativa: “Utilizar o exercicio para vivir e non vivir para o exercicio”.

 

Este servizo vai dirixido a todo tipo de usuarios, tanto por idades como xénero ou por obxectivos, xa que estes últimos son moi variados. O máis habitual é que veña xente a tratarse dalgún tipo de lesión -aproximadamente o 85%-, aínda que evidentemente o ideal sería que acudisen a realizar un traballo preventivo para evitar a doenza, pero son os menos. “Eu teño desde adolescentes a persoas de 70 e pico anos, aínda que a maior parte é xente de mediana idade”, explica Aitor, ao que lle preguntamos como comeza a relación co usuario. “No primeiro contacto o que facemos é falar e que o cliente nos conte cales son os seus obxectivos. Posteriormente realizaremos unha avaliación física e con esta información facemos un enfoque do traballo para realizar. As sesións son dunha hora, pero dependendo de cada persoa decidirase se hai unha, dúas ou máis sesións á semana”, sinala o noso técnico. Evidentemente, é un traballo personalizado, adaptado a necesidades e horarios do cliente.

 

E así, despois de falar con Aitor, acudimos á segunda fonte: Unha usuaria. Isabel Rodríguez, de 55 anos, comezou cos adestramentos persoais con Aitor en 2019 e explícanos o porqué. “Eu ía ao  gym e traballaba pola miña conta. Pero a finais de 2018 tiven un problema nas costas e vinme obrigada a parar. Cando volvín ao ximnasio, dábame medo facer algún exercicio ou utilizar algunha máquina  que me puidese prexudicar na lesión das costas. Entón faláronme das novas clases de C+, que ía impartir Aitor. Como xa oíra falar del e de como traballaba cos alumnos tanto a nivel persoal como en grupo, cando xa levabamos un tempo dando clases de C+, pregunteille a Aitor se me podería adestrar e, en canto atopou un oco, empezamos”.

 

Desta forma, actualmente Isabel ten dúas sesións á semana de adestramento persoal con Aitor, pero sen deixar de lado as clases de  C+, ás que tamén vai dous días. Cando lle preguntamos o motivo polo que decidiu acudir a este servizo, teno claro: “Empecei porque ao estar parada tanto tempo pola lesión, quería facer as cousas ben. Pero hai máis: Gústame estar en forma e manterme e ademais, o deporte para min é unha forma estupenda de desconexión”.

 

Isabel afirma que “os resultados son moi bos e nótanse enseguida”. Por iso, non dubida en asegurar que “por suposto que seguirei! Aitor é un magnífico profesional e, sobre todo, unha gran persoa”.

 

Se estás interesado, non dubides consultar aos nosos técnicos/as ou ben podes achegarche á recepción do teu centro e preguntar por este servizo.