O 8 de setembro en Navia corremos con e polo corazón

04/09/2019

O domingo 8 de setembro celebrarase en Navia a I Carreira do Corazón Cidade de Vigo, que será ademais a primeira que ten lugar en Galicia.

Esta proba, na que Máis que Auga actúa como colaboradora, nace co obxectivo de visibilizar as enfermidades cardiovasculares. E como xurde? Como en moitas outras ocasións, a raíz dunha desgracia. O pasado 18 de setembro de 2018, faleceu Mario Fonseca Acuña por morte súbita facendo o que máis lle gustaba: Deporte.

Esta desaparición deixou a todos os seus amigos e familiares afundidos, pero pronto reaccionaron buscando a forma de homenaxealo, de facer algo especial para lembralo, e así naceu a asociación Kilómetros por ti MFA e posteriormente esta primeira  Carreira do Corazón Cidade de Vigo.

A proba terá dúas modalidades: Unha proba competitiva de 10 quilómetros e unha andaina de 6, con saída e chegada diante do Máis que Auga. A carreira popular de 10 quilómetros (cunha inscrición de 8 euros) poderán facela as persoas maiores de 16 anos mentres que a andaina está aberta para nenas e nenos dende 1 ano, sempre que vaian acompañados dun adulto. A andaina ten un coste de 6 euros para adultos e de 2 euros para os máis pequenos (de  1 a 16 anos), ademais da doazón dun quilo de alimentos non perecedoiros.  A organización destinará os 2€ da inscrición dos menores á Asociación de Cardiopatías de Galicia Sur. Ademais, a comida será entregada a Banco de Alimentos de Vigo. Dende o inicio, a organización marcou un tope máximo de participantes dun millar e nestes intres (a falta de varios días para a celebración do evento) están a piques de pechar a inscrición, xa que contan con máis de 950 inscritos, entre os que temos a varios runners MQA. Ademais as e os participantes poderán utilizar os vestiarios de Máis que Auga, se o necesitan.

Nesta vertente solidaria, a organización decidiu organizar talleres para ensinar a todos a realizar un RCP (reanimación cardiopulmonar) e ademais a carreira estará cardioprotegida, con desfibriladores ao longo do percorrido.

E rematará a proba cun concerto a cargo da cantaautora Sokie, que é a autora de “Ven”, a banda sonora da carreira.