O 4 DE XUÑO, SAÍDA DE TRAIL RUNNING POLO MONTE ALOIA

28/05/2023

Seguimos co noso programa #OutExperience! Para o 4 de xuño temos preparada unha saída de iniciación ao trail running. É un destes roteiros que nos encantan, xa que discorrerá por unha contorna natural única, como é o Monte Aloia, e se a iso lle sumas, actividade física aire libre, un grupo espectacular e bo tempo… Sen dúbida, é un planazo para o domingo.

 

Así que vos imos contar a nosa programación por se queredes apuntarvos. Punto de saída, a capela do Monte Aloia, desde onde empezaremos, ás 09:30 horas, un percorrido duns 7 quilómetros e 250 metros de desnivel positivo, que nos levará por algúns dos sitios máis emblemáticos deste marabilloso parque natural. A duración aproximada da actividade é de dúas horas e todas aquelas persoas que se vexan capaces de trotar polo monte, poden sumarse. Non vos asustedes ao ler trail running, porque como ben di a actividade é unha iniciación, polo que está preparada para os principiantes.

 

Os nosos imprescindibles

Como sempre, querémosvos lembrar os requisitos imprescindibles para sumarvos a esta nova actividade. O primeiro e fundamental é que reservedes a vosa praza na recepción de calquera dos nosos centros e lembrade que é unha actividade gratuíta para os nosos socios/as, aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano. Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.

 

Non fai falta que vos digamos que debedes vir con roupa e calzado adecuados para o monte, ademais de algo para comer e beber, aínda que será unha actividade curta. Como sempre, estaremos moi atentos aos servizos de meteoroloxía, por se hai que levar algo de máis abrigo ou todo o contrario (viseira e protección solar).

 

A continuación, tedes a ligazón co punto de saída, así como o circuíto deseñado.

Ah, este roteiro serviranos ademais como recoñecemento pensando na proba de orientación do próximo 9 de xullo, coa que poñeremos o punto e final á tempada!