O 27 de abril ímonos de ruta: Senda do río Eifonso

Xa estamos en primavera e con este tempo aínda apetece máis facer plans no exterior,  coa natureza como protagonista. Por iso, o próximo sábado 27 de abril ímonos de andaina.

O reto é sinxelo. Imos facer a ruta “Senda do río Eifonso”, en Bembrive, que ten un percorrido de 10 quilómetros dunha dificultade media/baixa, adecuado para case todos, por unhas paraxes moi fermosas e a só uns quince minutos do centro da cidade de Vigo. Pasaremos pola Carballeira de Os Ramallos, onde se atopa a ermida de San Cibrán, camiñaremos baixo frondosas árbores,  poderemos ver especies autóctonas coma nogueiras ou castaños, saltos de auga, muíños e pontes e pasarelas rústicas e cun gran encanto. E todo iso sen esquecer, quizais, o máis espectacular do percorrido: A Fervenza da Bouza Fría: Esta cascada forma un salto de auga de case 4 metros de altura, rodeado de una frondosa vexetación, que sen dúbida os sorprenderá. Dependendo da época do ano leva máis ou menos auga, pero é sen dúbida un dos grandes atractivos desta ruta á beira do río Eifonso, un afluente do Lagares.

O punto de saída da ruta será o Centro Cultural Helios (Bembrive) ás 9:30 horas e iso si, debemos ir convenientemente vestidos, con pantalóns largos, roupa e calzado (botas ou zapatillas) cómodos e bebida para hidratarnos. A inscrición a podedes realizar na recepción de calquera dos tres centros de Máis que Auga. O prezo da mesma é de 2 euros para os abonados de Máis que Auga e de 5 para os eventuais.

Prazas limitadas!