O 25 DE MARZO, REFORESTACIÓN DOS MONTES DE CORUXO COA CAMPAÑA CORRRES

21/03/2023

O sábado 25 de marzo participaremos nun deses actos que nos enchen de orgullo e satisfacción. Asistiremos á reforestación que se realizará nos montes de Coruxo, grazas ao “Proxecto CoRRRes”, impulsado pola empresa viguesa Diesemm.

 

É o proxecto de tres R (Recicla, Reutiliza e Reforesta) no que Máis que Auga participou de forma activa xunto a outras empresas viguesas como Colexio Atlántida, Howden ou Gym Altafit, que consiste na recollida de tapóns para o seu posterior reciclado. O obxectivo: Conseguir o maior número posible de tapóns, porque iso íase ver reflectido en árbores: Por cada 5 quilogramos plantarase unha árbore.

 

Desta forma, no mes de febreiro, realizamos unha recollida de tapóns para a que solicitamos a vosa colaboración, sen a que sería imposible levar adiante este proxecto. Hai uns días, a empresa Diessem entregounos un diploma en recoñecemento pola nosa participación no proxecto coa achega de 100 quilos de tapóns, que se sumaron ao resto para alcanzar un total de 1.000 quilogramos de tapóns.  Agora chega o momento máis desexado: a reforestación con especies autóctonas como o carballo, que se realizará este sábado en montes de Coruxo.

 

Hai que lembrar que este fermoso proxecto comezou por unha desgraza. Xurdiu por mor dos incendios que se produciron en Vigo no ano 2017 e a empresa Diessem viu necesario actuar e fíxoo creando o “Proxecto CoRRRes” coas 3 R de Recicla-Reutiliza-Reforesta.

 

Así que moitas grazas a todas e todos por involucrarvos neste proxecto, tan importante que axuda a recuperar un dos pulmóns da nosa cidade.