O 23 DE SETEMBRO SUBÍMONOS Á BICI PARA FACER O PRIMEIRO ROTEIRO BTT DA TEMPADA POR CANGAS

16/09/2023

OutExperience está de volta! O próximo día 23 de setembro celebraremos a primeira saída da tempada 23/24, que será un roteiro de bicicleta de montaña pola costa de Cangas.

 

Comezamos cunha saída sinxela, pero espectacular pola contorna. Serán aproximadamente 20 quilómetros de percorrido, con 160 metros de desnivel, aínda que teremos a posibilidade de ampliar 6 quilómetros máis  e chegar á Caracola de Cabo Home, se nos vemos con forzas e ganas.

 

Pero imos contarvos o noso plan! A saída está prevista ás 10:10 da mañá desde a lonxa de Cangas (no aparcadoiro situado á beira da gasolineira Shell). O lugar está elixido por se alguén quere ir a Cangas en barco (poderían coller o que sae ás 09:30), e ademais é un bo lugar para aparcar o coche, en caso de vir por estrada.

 

Sairemos desde aí, seguindo a senda costeira de Areamilla, e pasando por sitios tan interesantes e fermosos como a antiga fábrica de Massó, a lagoa de Congorza ou as praias de Areamilla, Liméns e Nerga.

 

Como vos dixemos antes, o roteiro, se paramos en Nerga, sería de 20 quilómetros (ida e volta), pero, se estamos en disposición de seguir, poderiamos sumar 6 quilómetros e 150 metros extra de desnivel para chegar á Caracola de Cabo Home. Como sempre, iremos ao ritmo do máis lento e a duración estimada da saída é dunhas tres horas.

 

Algo fariamos mal, se non vos damos as nosas recomendacións! Debedes levar auga e alimentos para repoñer forzas, así como roupa de abrigo ou choiva, en caso de mal tempo (estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas). Ademais, sería interesantes que levásedes cámaras ou parches para poder poñer solución ás nosas avarías. E non vos preocupedes se non sabedes facelo, porque xuntos aprenderemos!

 

E se estas son as recomendacións, imposible esquecer as obrigacións. Para poder participar nesta saída é imprescindible ter bicicleta e casco propios, así como un móbil coa aplicación strava, onde poderedes seguir o percorrido.

 

Aquí tedes as ligazóns co punto de saída e o roteiro en strava, para que poidades consultalos.

 

Esta tempada, os prezos das actividades Outexperience soltas son de 4,35 euros para adulto non abonado/a por saída, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Pero, se es un habitual nas nosas saídas, interesarache o abono por tempada (de setembro ata o 30 de xullo), xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, 40€.

 

Para os nenos, o prezo da entrada libre será de 2,85€, mentres que os socios pagarán 1,40€. Tamén hai pack de tempada outexperience para os máis pequenos: 25€ para os abonados e 12,5€ para socios.

 

Por último, lembrarvos que os participantes deberán ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. Todas as persoas interesadas poden reservar praza na recepción dos nosos centros.