O 20 DE MAIO VOLVE CICLAUGA A MÁIS QUE AUGA COIA E CON NOVIDADES!

10/05/2023

Xa temos unha nova cita marcada en vermello no noso calendario! O sábado 20 de maio celebrarase en Máis que Auga Coia a sexta edición de Ciclauga, unha competición moi divertida que combina a natación coa bicicleta, e que este ano ademais incorpora a novidade da creación da proba de substitucións mixtas.

 

Pero imos empezar por contarvos que é Ciclauga, porque seguro que algunhas persoas non o saben. É unha competición na que as e os participantes terán que facer dúas probas de 20 minutos en bicicleta e piscina, por esta orde. O obxectivo é conseguir o maior número posible de puntos e estes dependerán dos quilómetros que realices na bicicleta de ciclo indoor (1 punto por cada quilómetro completado) e o número de voltas que sexas capaz de dar na piscina (1 punto por cada volta). Se o tempo permíteo, as bicicletas estarán colocadas no exterior do centro e, como sempre, todo discorrerá nun ambiente san e divertido, no que a competición é compatible co sentido do humor e o compañeirismo. Nas edicións anteriores as risas e os ánimos ao “rival” foron os grandes protagonistas e queremos lembrarvos que non é necesario estar nun estado de forma incrible para participar. É unha proba que ten como obxectivo fundamental pasar un bo intre xuntos e considerámolo máis un xogo que unha competición.

 

A gran novidade desta edición é que incorporamos a modalidade de substitucións mixtas, de forma que os equipos estarán formados por un participante masculino e un feminino, que realizarán un, a parte de bici e o outro, a natación, sumando os resultados a un marcador común. A competición comezará ás 13:00 horas e contará con tres quendas (dúas individuais e a de substitucións mixta). En total poderán participar un total de 40 persoas e premiaranse aos tres primeiros clasificados das diferentes categorías (masculina, feminina e mixta).

 

Como podedes inscribirvos? A inscrición permanecerá aberta desde hoxe ata completar o aforo dispoñible. Podes reservar a túa praza na recepción de calquera das nosas instalacións e se tes algunha dúbida, consulta cos nosos técnicos/as en sala ou piscina. Se es socio/a, a participación é gratuíta e no caso dos non abonados o prezo é de 4,25 euros.