O 17 DE DECEMBRO PECHAMOS O ANO COA PROBA DE ORIENTACIÓN DO NADAL

09/12/2023

O ano 2023 está a chegar ao seu final e o programa OutExperience de Máis que Auga pretende despedilo cunha das probas que máis gustan aos nosos usuarios e usuarias. Así, como xa fixemos en anos anteriores, volvemos realizar unha proba de orientación, que reúne todas as disciplinas Outexperience, e que, nesta ocasión, celebrarase o día 17 de decembro no Parque Forestal do Vixiador.

 

Seguro que moitos xa coñecedes a dinámica, pero sempre vén ben lembrala. A saída será novamente xunto á cantina no parque forestal do Vixiador e a hora de quedada será ás 10:30 horas, para realizar a charla previa e comezar coa proba ás 11:00. Este ano o territorio témolo ben estudado, xa que as dúas últimas probas realizámolas neste parque para coñecer o terreo en profundidade.

 

A proba terá 5 disciplinas (sendeirismo, familias, trail running, canicross e bicicleta de montaña) e dous percorridos (un curto de 10 balizas e aproximadamente 2 quilómetros de dificultade baixa e un máis longo con 19 balizas e uns 5 quilómetros de dificultade media), pero en calquera caso, alcanzable para realizar nun máximo de 90 minutos.

 

As e os participantes terán que elixir un nome para o seu equipo e decantarse por unha disciplina. Antes da saída entregaráselles o mapa correspondente á opción elixida, que lles servirá de guía para realizar o percorrido e conseguir as balizas do seu mapa. Será unha saída grupal e gozaremos todos xuntos da procura. Ah, non vos esquezades de levar calzado e roupa cómodos, adecuados para este tipo de actividades, e un chuvasqueiro ou algo de abrigo, dependendo do clima (estaremos atentos ás previsións meteorolóxicas).

 

Esta proba forma parte do programa Outexperience e como xa sabedes pódense contratar as actividades soltas ou por tempada (está última opción sae moitísimo máis económica). O custo de cada actividade de forma individual é de 4,35 euros para adulto non abonado/a, mentres que para os nosos socios/as queda reducido á metade (2,15€). Pero, se es un habitual nas nosas saídas, interesarache o abono por tempada (de setembro ata o 30 de xullo), xa que se es socio/a sairache todo por 20 euros e no caso de non selo, 40€.

 

Iso si, todos os participantes deben ter contratado o seguro anual obrigatorio para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 11 euros e un ano de vixencia. O prazo de inscrición nesta proba xa está aberto e cando vaiades reservar a vosa praza debedes preguntar polas diferentes opcións existentes, aínda que mesmo no propio día da carreira poderíanse realizar cambios.