O 16 de marzo, charla en Máis que Auga Coia sobre a alimentación complementaria e primeiros auxilios ao lactante

02/03/2024

O sábado 16 de marzo (a partir das 10:00 horas) celebrarase en Máis que Auga Coia a charla “Alimentación Complementaria (AC), BLW e primeiros auxilios ao lactante”. Así que, se es nai ou pai, ou entra nos teus plans selo, esta actividade é para ti!

 

É posible que moitas das nais e pais saiban que é o Baby Led Weaning (BLW) xa que é un método que se está introducindo desde hai uns anos en Europa, procedente de Estados Unidos. Basicamente consiste en que o bebé empece a alimentación complementaria ao leite, deixando que vaia descubrindo el mesmo as texturas e sabores dos alimentos sólidos, esquecéndonos dos tradicionais purés.

 

No taller deste sábado, a nosa compañeira Flavia Ozinete ensinaranos “como empezar a introdución da alimentación complementaria, explicando que é, os requisitos que debe cumprir un bebé ademais da idade, como se preparan os alimentos, de que forman se deben ofrecer…”.

 

Pero esta charla terá un apartado que será sen dúbida moi especial e interesante para os proxenitores, tal e como destacou Flavia. “No caso de que o lactante se atragoe, imos ensinar como se fai a manobra, porque en nenos tan pequenos, é diferente aos adultos. Imos darlles aos pais a guía do primeiro auxilio”, destacou Flavia, xa que cre que é algo que asusta un pouco aos pais e nais, que reclaman esa información. Nesta tarefa Flavia terá como colaboradora á nosa socorrista Ana Rodríguez, que será a encargada de explicar como realizar a manobra e de guiar aos asistentes na súa práctica.

 

A charla celebrarase o sábado 16 de marzo e terá unha duración aproximada de dúas horas. Esta actividade será gratuíta para socios/as de Máis que Auga, mentres que para os non abonados terá un custo de 4,35 euros. Todas as persoas interesadas poderán inscribirse na recepción de Máis que Auga Coia.