O 14 DE MAIO FAREMOS UNHA SAÍDA DE INICIACIÓN AO TRAIL RUNNING POLA SERRA DA GROBA

08/05/2023

E na nosa fin de semana #OutExperience reservamos un día para a iniciación ao trail running. Será o domingo 14 de maio (10:00 horas) cando fagamos un roteiro circular de 6,5 quilómetros pola Serra da Groba, unha paraxe espectacular, con moita flora e fauna salvaxe e unhas vistas incribles da costa Atlántica, Val Miñor e Baixo Miño.

 

O roteiro é curto, si, pero ten “miga”. Aínda que se fará con calma para o desfrute de todo o mundo, en total ascenderemos uns 300 metros de desnivel positivo en dúas subidas, pero tamén descenderemos outros 300 metros de desnivel. É un terreo de pistas e carreiros por prados e bosques de piñeiro que son marabillosos para a práctica deste deporte. Partiremos ás 10:00 horas e a duración estimada desta actividade será dunhas dúas horas.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón co punto de saída e co percorrido en Strava.

Para finalizar, lembrade que debedes levar calzado e roupa adecuados para esta actividade no exterior, así como algo de bebida e comida para repoñer forzas. E, nesta primavera de contrastes, non esquezades ver as previsións meteorolóxicas por se é necesario meter algo de máis abrigo ou un chuvasqueiro, ou viseira e crema solar, se as temperaturas son moi altas.

 

Todas as persoas interesadas poden reservar a súa praza na recepción dos nosos centros ata completar o aforo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados/as, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.