O 10 DE XUÑO FINALIZAMOS O ROTEIRO DA AUGA EN BICICLETA DE MONTAÑA

04/06/2023

Estamos a chegar ao final da primavera e así, tamén se achega a terceira e última etapa do Roteiro da Traída da Auga de Vigo en BTT! O 10 de xuño celebraremos a nosa terceira xornada en bicicleta de montaña, que arrinca en Pazos de Borbén.

 

A cita é ás 09:30 horas na praza do Concello deste municipio. Desde aí, trasladarémonos ata a roteiro da auga, para facer os 12 quilómetros que nos restan de percorrido, que serán todos practicamente chairos, coa excepción do descenso desde o Concello ata o roteiro e o ascenso á presa de Eiras, onde finaliza. Por suposto, teremos que regresar e, se nos atopamos con forza e ganas, realizaremos un traxecto alternativo con algo máis de desnivel, por pistas de montaña sinxelas, que nos levarían pola poboación da Ermida de regreso a Pazós de Borbén. En calquera caso, a actividade terá un percorrido de 24 quilómetros e unha duración estimada dunhas 3 horas.

 

Para aqueles que non coñezan as nosas actividades OutExperience, só podemos dicirvos que é unha gran experiencia, adaptada a todas as condicións físicas. Non necesitades ser grandes atletas, e teredes a sorte de compartir unha xornada de actividade física en contacto coa natureza, xunto a un grupo de persoas excepcionais e sempre dirixidos polo noso técnico Dani Domínguez, que nunca falla e que sempre está disposto para axudarvos.

 

Aquí tedes as ligazóns co punto de saída e tamén co roteiro en Strava.

Imprescindibles

 

Non pode faltar a nosa lista de imprescindibles: Como é de supoñer, bicicleta de montaña e casco propios, así como un móbil coa aplicación Strava para seguir o percorrido. Ademais, sempre vos recomendamos que levedes roupa adecuada para realizar esta actividade (estaremos pendentes das previsións meteorolóxicas) e non debedes esquecer levar auga e algo de comida para repoñer forzas (algunha barrita enerxética, froita ou similar).

 

Como reservar praza? Todas as persoas interesadas poden facelo na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para poder realizar actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e un ano de vixencia). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.