O 10 DE MAIO BAILA ATA DESFALECER! ESPECIAL DANZA EN MQA BARREIRO!

29/04/2024

Cada ano desde 1982, o 29 de abril celébrase o Día Internacional da Danza, unha conmemoración, proclamada pola UNESCO, que ten o obxectivo de homenaxear á danza como unha disciplina de arte universal e diversa, reunindo a todos os que elixiron esta forma de expresión sen barreiras culturais, políticas e éticas.

 

Como xa sabedes, en Máis que Auga a danza ten un lugar importante en moitas das súas actividades, porque ademais das clases de baile latino ou de ballet, quen se atreve a dicir que non hai baile nas clases de zumba, por exemplo? O baile é unha forma de facer actividade física dunha forma divertida e social, tal e como nos contou a profe Noelia Pombo: “O baile é unha das formas máis completas e divertidas de manterse san fisicamente e se ademais da parte física sumámoslle o bo ambiente social, a diversión e o factor de desconexión que achega é case maxia”.

 

E, porque sabemos que o baile vos encanta, organizamos unha sesión continua de danza, con varias opcións para elixir! O noso Especial Danza celebrarase en Máis que Auga Barreiro o día 10 de maio e consistirá na celebración de catro clases consecutivas de diferentes estilos de baile e que finalizará cunha sesión aberta de social, na que poderán participar de forma libre todas e todos os presentes.

 

Comezaremos ás 16:00 horas coa clase de urban coa profe Miriam, e a partir de aí continuaremos con ballet e Débora (17:00), danza oriental xunto a Alejandra (18:00) e roda casino con Noelia (19:00), para finalizar coa sesión de social, que será aberta para todas e todos.

 

Como inscribirse? Se estás interesado/a en participar en calquera das clases, deberás reservar o teu sitio igual que en calquera outra actividade, con catro días de antelación. Cada clase contará cun total de 40 prazas e será gratuíta para os nosos socios/as, que poderán inscribirse a través da web ou do quiosco. No caso de que sexas abonado/a doutro centro, poderás participar, simplemente seleccionando o centro de Barreiro. Aquelas persoas non abonadas que non queiran perderse este Especial Danza poden facelo, aínda que deberán ser moi rápidos. Terán que comprar o acceso á instalación dun día (4,35€) na recepción de calquera dos nosos centros.