O 1 de xuño celebrarase a segunda edición do Festimáis, cun tobogán xigante como principal atractivo

29/05/2019

O próximo día 1 de xuño celebrarase no Máis que Auga de Navia a segunda edición do Festimáis, unha festa solidaria, familiar, deportiva e lúdica, que ten como obxectivo prioritario colaborar coa institución Banco de Alimentos. Este ano o gran reclamo para o público será o tobogán acuático xigante, que xa estivo en Vigo hai dous anos.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do Festimáis no Concello de Vigo, coa participación do alcalde Abel Caballero; o concelleiro de Deportes, Manel Fernández; o director de operacións de Máis que Auga, Francisco Cortegoso e o presidente de Banco de Alimentos de Vigo, Pedro Pereira.

O alcalde Abel Caballero destacou que o sábado haberá unha moi boa festa e, sobre todo, un fin solidario, a favor de Banco de Alimentos, polo que invitou aos vigueses a achegarse ata Navia nesta xornada e a gozar coas actividades aí dispostas.

Pola súa banda Francisco Cortegoso recoñeceu o gran traballo de Banco de Alimentos, co que “levamos colaborando nove anos, dende que estamos na cidade. Por iso este ano o Festimáis será a favor desta institución. O único requisito para participar, tanto na  área deportiva como na lúdica, é aportar alimentos non perecedoiros”. O obxectivo para Cortegoso está moi claro: “Poder entregar ese día moitas toneladas de alimentos”.

O Festimáis

Este evento, organizado por Máis que Auga coa colaboración do Concello de Vigo, ten unha vertente deportiva e outra lúdica. Na deportiva haberá masterclass de zumba, hipopresivos, ciclo indoor, taekwondo, body pump, wodfit, body combat, aquagym en familia, andainas… Para poder participar nestas clases, hai que inscribirse en calquera dos centros de Máis que Auga antes do venres. O obxectivo é chegar aos mil usuarios nas diferentes actividades. O custe, 4 quilos de alimentos non perecedoiros (2 no caso de ser abonados de MQA).

No aspecto lúdico haberá moitas actividades dirixidas aos máis pequenos: inchábeis, talleres, xogoteca, títeres, pallaso Popín, o concerto de Uxía Lambona e a banda Molona ou a festa da espuma. E claro, o tobogán de auga xigante, que se converterá no gran atractivo desta edición do Festimáis. Hai dous anos este tobogán de 110 metros xa estivo en Navia e foron moitos os rapaces e rapazas que se achegaron ata alí para gozar das baixadas con auga neste inchable xigante. Para poder acceder á zona lúdica o custe será de 2 quilos de alimentos.

As actividades comezarán ás 09:30 horas e está previsto rematar en torno ás 20:00 horas, nunha xornada na que haberá retos e diversión para todas as idades e gustos, de forma que se poida gozar dun día de ocio en familia en Máis que Auga e ademais, axudar a aqueles que máis o necesitan.