O 1 de setembro comezan os cursos de adultos e nenos, menos os de auga dos nosos pequenos que arrincarán o 1 de outubro

12/08/2020

Estamos a piques de comezar a tempada e esta nova realidade que estamos a vivir obríganos a facer cambios e adaptacións para garantir o máis importante de todo: A nosa saúde. E para estar sans tamén hai que facer deporte, iso si, tomando todas as medidas de seguridade necesarias.

 

Así as cousas, todos os cursos de adulto (seco, auga e pádel) comezarán o 1 de setembro, así como os de sala e pádel das e dos nosos pequenos. Esa é a data habitual de inicio e estamos en condición de iniciar a tempada con redución de ratios en todos os niveis, medidas de distanciamento social e todos os protocolos dispostos. Recordade que o venres 21 de agosto rematará o prazo para realizar os cambios de horarios ou darse de baixa en todos estes cursos que comezarán o 1 de setembro.

 

E que sucederá cos cursos de piscina dos nosos nenos e nenas? Pois este ano, dada a situación actual, decidimos esperar ata o 1 de outubro. Para entón xa saberemos como será a organización nos centros escolares, que horarios terán, e polo tanto será máis sinxelo para os pais e nais coordinar todas as actividades. Temos preparados os novos protocolos onde marcamos como se regulan as circulacións, a redución de aforos, o uso de vestiarios… En breve publicaremos estes protocolos na nosa web, co obxectivo de que vos atopedes cun entorno seguro.

 

Ademais, solicitamos ao Concello de Vigo a ampliación da duración dos cursos de 45 minutos a 1 hora, co principal obxectivo de reestruturar a escola de actividades acuáticas neste período post-COVID. Polo momento non contamos con esta autorización, polo que iniciaremos a nova tempada cos mesmos horarios do pasado ano, pero no caso de que nos permitan facer o cambio, poríamos en contacto con vós para informarvos do cambio do horario, así como do incremento proporcional no prezo. Polo momento, continuamos cos mesmos horarios do pasado ano. Tamén, coma sempre, tedes gardada a vosa praza e o prazo para facer cambios ou darse de baixa nos cursos de natación de nen@s rematará o próximo 15 de setembro.

 

Dada a situación que estamos a vivir e para evitar aglomeracións, pedímosvos que as comunicacións das baixas sexan por e-mail. Así podedes remitirnos un correo electrónico ás seguintes direccións (barreiro@maisqueauga.com, coia-florida@maisqueauga.com, navia@maisqueauga.com, dependendo de en que instalación teña contratado o seu curso, mentres que os cambios de horarios realizaranse nas recepcións dos nosos centros.

 

E rematamos recordándovos que, como xa anunciamos no seu día, neste reinicio da actividade, recuperaredes os días que quedaron pendentes do mes de marzo. Desta forma, na primeira mensualidade dos cursos de auga, realizaremos o desconto correspondente dos 18 días de marzo, xa que nos outros casos xa se recuperou no mes de xuño.