O 1 DE OUTUBRO ARRANCA MÁIS QUE PEQUES!

20/09/2020

Un pasiño máis… O 1 de outubro volvemos abrir as portas do noso centro infantil en Navia, Máis que Peques, con todas as medidas de prevención necesarias, pero con moitas ganas de volver xogar cos nosos pequenos/as!

 

O horario será de 18:00 a 20:15 horas de luns a venres e haberá un máximo de aforo de 15 nenos/as no centro. Como ben sabedes, hai que cumprir cunhas normas de seguridade, en beneficio de todos. A primeira refírese ao uso da máscara, que será obrigatoria a partir dos seis anos (antes, recomendable).

 

E que normas teremos? En realidade son moi sinxelas de seguir e xa estamos acostumados a elas nesta nova normalidade na que vivimos dende hai uns meses. Antes de entrar tomaremos a temperatura a todos os nenos e nenas, que posteriormente desinfectarán as súas mans, ritual que repetiremos cada media hora. A entrega e recollida dos pequenos farase de un en un, polo que non se poderá acceder ao hall de acceso ata que non quede libre. Por este motivo, se tedes unha clase á queredes asistir, recomendámosvos que veñades con certa antelación. A  roupa de abrigo será depositada polo pai ou nai (so poderá acompañar unha persoa a cada neno) nunha das taquillas que estarán ubicadas no hall de acceso. Máis que Auga desinfectará a taquilla antes e despois da súa utilización.

 

Ademais, é aconsellable que os rapaces leven un calzado específico para estar no centro e tamén poden levar a súa comida (nun recipiente de uso individual), que portará  o pequeno.

 

Pero nada de isto impedirá que os nosos cativos gocen das actividades que lles proporemos en Máis que Peques, onde intentaremos facer a maior cantidade posible de propostas na terraza adxunta. Haberá xogos, bailes, manualidades, debuxo e moito máis para os máis pequenos da casa. E mentres, os pais e nais poderán aproveitar para ir a calquera das nosas clases de sala ou piscina, para acudir á sala fitness, xogar ao pádel… ou o que queirades!

 

Se estades interesados neste servizo, non dubidedes en consultar as súas condicións na recepción do noso centro, xa que tedes a opción de acudir a unha tarifa fixa ao mes ou ben o pago por horas.