O 1 DE AGOSTO IMOS DE RUTA A MONDARIZ XUNTO AO RÍO TEA

28/07/2020

Ante a magnífica resposta que estamos a recibir, ampliamos o noso circuíto de marcha nórdica! Para o sábado 1 de agosto, os nosos técnicos buscaron un percorrido precioso, xunto ao río Tea en Mondariz, que ademais vos permitirá gozar dun día familiar nunha praia fluvial, con chiringuitos e zonas de xogos para os pequenos e sempre rodeados dunha paisaxe incrible.

 

Pero iso é para a tarde! Para a mañá temos a nosa ruta río Tea – Mondariz. Como sempre, o noso especialista en marcha nórdica, Dani Domínguez, deseñou máis dunha opción, iso si, sempre con saída desde a praia fluvial do Val en Mondariz. A primeira será de 4,5 quilómetros  río abaixo ata Mondariz Balneario (visitando o hotel, os xardíns e as augas medicinais do balneario) e volta á praia fluvial. Podería ser a nosa ruta familiar, xa que é un percorrido con poucas dificultades, á beira do río, pasando por zonas moi bonitas. E ademais á sombra, algo de agradecer o primeiro día de agosto.

 

E se quedamos con ganas de máis, podes continuar coa segunda proposta. Co mesmo punto de saída, a dirección será a contraria, río arriba, ata os pasos de Tatín, nos que demostraremos o noso equilibrio ao saltar de pedra a pedra para cruzar o río. Na nosa marcha pasaremos pola praia fluvial  do Ceo e a ponte de  Cernadela, de orixe romana, sempre pegados ao río e con sombra durante o percorrido. En total, 8 quilómetros por unha contorna máxica, e co rumoreo da auga do río acompañándonos. Estes días, Dani estivo a preparar a saída e quedou namorado da contorna, así que nos preparou este vídeo para que en só un minuto vos enganchedes á marcha do sábado 1 de agosto.

Ruta Mondariz - río Tea

Esta vez non teremos que madrugar tanto, xa que o percorrido contará coa bonanza da sombra das árbores, así que a hora prevista de inicio da marcha é 09:30 horas na praia fluvial  do  Val.

Como sempre, non esquezades protexervos do sol (crema protectora e sombreiros ou viseiras), aínda que nesta ocasión non debería ser problemático, e por suposto vinde con roupa e sobre todo calzado cómodo e adecuado para realizar unha ruta, sen esquecernos do noso complemento obrigatorio estas semanas (a máscara). Ademais, se queredes quedar a pasar toda a tarde en familia: comida, bebida, toallas, bañadores… Sen dúbida, un  planazo para todas e todos.

Os que nos coñecedes, xa sabedes que só tedes que apuntarvos na recepción de calquera dos nosos centros. E lembrámosvos que esta actividade é gratuíta para os nosos abonados/ as, mentres que para os non socios o custo será de 4 euros. Iso si, todos debedes ter o seguro anual obrigatorio que se paga só unha vez e cobre todas as actividades que se fagan ao ano no exterior.