NOVO TRIUNFO PARA HÉCTOR GUISANDE NO OPEN CONCELLO DE VIGO DE PÁDEL

09/07/2019

Pechouse a sétima edición do Trofeo Concello de Vigo de pádel coa maior participación da súa historia e un novo triunfo para Héctor Guisande, que a pesar da súa xuventude xa leva cinco vitorias neste torneo.

Foron nove días de competición, 6.000 euros en premios, máis de medio milleiro de deportistas pertencentes a once categorías e  400 partidos nas instalacións de Máis que Auga Navia e Barreiro. E coma sempre, un magnífico ambiente entre os deportistas e todas as persoas que se achegaron ata as nosas instalacións.

Na categoría ouro masculina, triunfo esperado da parella formada por Héctor Guisande e Miguel Laredo, que superou en dous sets a Jano Alonso e Nico García (6-3 7/5).  Héctor explicounos que “o torneo foi moi ben. O partido de primeira rolda contra Javi Fernández e Magín Raposeiras foi moi duro; no segundo xogamos mellor e puidemos sacalo ben. E na final, creo que fomos superiores no primeiro set e no segundo todo estivo moi igualado, pero xogamos con cabeza e logramos o triunfo”. Recoñece, Guisande que o Open Concello de Vigo dáselle moi ben. “É un torneo que me encanta e que gañei xa varias veces de forma consecutiva. Oxalá poida volver o próximo ano e volver gañar”, manifestou.

Na  feminina 2, vitoria de Ángeles Méndez e Yaiza Rodríguez, que gañaron a Ana Sánchez e Rita Pena tamén en dous sets (7/6 e 6/3).

No seguinte enlace tedes os resultados en todas as categorías:

E trala sétima edición, xa comezamos a pensar no Open do próximo ano, onde esperamos conseguir novos récords.

Noraboa a tod@s os participantes e gañadores!