NOVO ROTEIRO BTT: O SÁBADO 26 DE NOVEMBRO, EN ZAMÁNS

19/11/2022

Seguimos co noso programa de actividades #OutExperience, no que unimos deporte, natureza e convivencia. O sábado 26 de novembro será o momento de coller a bicicleta de montaña para realizar un roteiro de 16 quilómetros por Zamáns.

 

A actividade comezará ás dez da mañá no parque forestal de Zamáns e espéranos un percorrido circular, cun pouco de todo: Un perfil ondulado con zonas boscosas, pistas anchas, si, pero tamén outras máis estreitas e técnicas preto do encoro nas que, con case total seguridade, tocaranos poñer o pé no chan. Por certo, fixádevos ben nesta contorna, porque será aquí tamén onde celebremos no mes de decembro (día 18) unha nova proba de orientación multidisciplinar, tal e como fixemos no mes de xullo en Saiáns, que vos encantou e pedistes repetir.

 

Tamén, como sempre, repetiremos fermosas paisaxes e a mellor compañía, coa nosa familia Máis que Auga OutExperience, que goza ao máximo desta forma social de facer deporte ao aire libre.

 

Xa sabedes que ademais do bo humor e as ganas de pasalo ben, hai algúns imprescindibles para participar nas saídas de BTT: Necesitades contar con bicicleta e casco propios, así como un móbil coa APP Strava para seguir o percorrido. Tamén é recomendable unha botella de auga, algo para comer (froitos secos, algunha barra enerxética,…) e, polo si ou polo non, roupa de abrigo/choiva, xa que agora que estamos no outono vivimos cun ollo posto nas predicións meteorolóxicas.

 

Todas as persoas interesadas poderán reservar a praza na recepción dos nosos centros ata completar o grupo. É unha actividade gratuíta para os nosos socios/as (aínda que deberán ter o seguro anual para actividades no exterior, que ten un prezo de 10 euros e unha vixencia dun ano). Os non abonados, ademais do seguro obrigatorio, terán que pagar 4,25 euros pola saída.

 

A continuación, deixámosvos a ligazón co punto de saída, así como ao percorrido, para que poidades botarlle unha ollada ao mesmo.