NOVAS RESTRICIÓNS MARCADAS POLA XUNTA: PECHE DO SPA, DUCHAS E VESTIARIOS, EXCEPTO PARA OS USUARIOS DE PISCINA QUE SI PODERÁN USAR O VESTIARIO

20/01/2021

Nesta terceira onda da pandemia da COVID-19 tócanos seguir remando. Os positivos non deixan de medrar e a Xunta de Galicia segue a aumentar as restricións tratando de frear esta pandemia que nos tocou vivir. Despois de estudar a orde publicada no Diario Oficial de Galicia e de contactar co Concello de Vigo e de aclaracións por parte da Consellería de Sanidade, estas son as medidas que van estar operativas en Máis que Auga a partir de mañá.

 

Vestiarios e duchas. Tanto no caso dos cursos de piscina como nos de sala, non estamos autorizados a abrir as duchas. No caso da piscina, as e os usuarios poderán utilizar as duchas que están a pe da lámina de auga, o que lles permitirá retirar o cloro (sen usar xabón), pero non poderán utilizar as duchas dos vestiarios, que permanecerán pechadas.

 

Os usuarios da piscina si poderán utilizar os vestiarios para cambiarse de roupa, pero sempre utilizando a máscara durante o tempo que permanezcan no interior do mesmo e no seu desprazamento ata a auga.

 

Para os usuarios dos cursos de sala, non estamos autorizados a abrir os vestuarios nin as duchas, polo menos mentres se manteña este nivel máximo de restricción. Recordade que tedes á vosa disposición as taquillas ou bancos para que poidades depositar as vosas pertenencias mentres facedes deporte. Nestes intres, non podemos falar de datas, xa que non foron facilitadas pola consellería de Sanidade, pero tan pronto teñamos o permiso volveremos á nosa actividade normal.

 

Outra das zonas afectadas será o noso balneario urbano. Péchase a zona do spa e a sauna, por ser un vaso de uso recreativo, polo que non poderemos volver utilizalo ata que a Xunta de Galicia nos permita novamente abrir esta zona de ocio nas nosas instalacións.

 

Ademais nos cursos de pádel será obrigatorio o uso de máscaras, tal e como sucede no resto dos centros. Por suposto, pola nosa banda, continuaremos coas medidas de prevención implementadas dende que regresamos á actividade no mes de xuño (distancias entre máquinas, xel hidroalcohólico en todas as máquinas, material desinfectante por toda a instalación, máis horas no servizo de limpeza, redución do aforo, uso obrigatorio de máscaras…)

 

Como sempre, só podemos pedirvos desculpas por todas estas medidas que sen dúbida alteran o noso día a día constantemente, pero igual que sucede noutros ámbitos da vida, son accións dirixidas á nosa protección e de obrigado cumprimento para todas e todas.

 

Dende Máis que Auga queremos mandarvos unha mensaxe de optimismo nestes complicados momentos nos que todo se ve moi escuro, e recordarvos que a única forma de saír desta situación é coa unidade de todos e todas. É o momento da responsabilidade individual e colectiva, de tender a man ao próximo e de saber que nisto estamos todos xuntos. Máis que Auga estará, como sempre, ao voso lado; cun sorriso para facervos o deporte máis entretido; cunha palabra de ánimo para esforzarnos un pouco máis e recordándovos que #ContadeConNós porque nós #ContamosConVós