Hoxe estamos de reestrea! Os box de Barreiro e Navia sufriron unha gran reestruturación e hoxe foi o día que abrimos as portas para que coñecésedes como quedaron e, sobre todo, como será a nova vida dos nosos box con Centaurus. Así, esta mañá celebramos dúas masterclass en ambas as instalacións para presentarvos in situ esta nova etapa.
Porque si, haberá cambios importantes e o fundamental será que Centaurus, unha empresa viguesa con xa 11 anos de historia no mundo do crosstraining, poñerase á fronte dos box de Máis que Auga. Así que falamos con Fran Fandiño, un dos responsables de Centaurus, para coñecer que nos espera nesta nova etapa. O primeiro foi o reacondicionamento dos box: “o cambio é considerable. Púxose chan de caucho e mellorouse o material para poder desenvolver a actividade nas mellores condicións”. Nas primeiras clases de presentación, celebradas hoxe, traballouse por equipos, “para facer un traballo entretido, dinámico e divertido. E é que precisamente unha das características desta actividade é que se crea equipo, grupo”, sinalou Fran.
Que resultados van apreciar os usuarios/as? Fran, desde a experiencia que ten con Centaurus –“son xa 11 anos, sendo os primeiros de Vigo” – sabe que co traballo que van realizar “van ver a mellora e progresión no corpo semana a semana e mes a mes”. Destaca que é un adestramento esixente e competitivo, pero “co traballo diario comprobas que non hai límites e que podes levar o teu corpo a uns puntos que antes nin te imaxinabas”. Porque como di o lema de Centaurus, “non adestres con máquinas, convértete nunha”.
Iso si, tamén quere insistir en que ninguén pense que o crosstraining só é para persoas mozas e fortes, porque non é así: “Os adestramentos adáptanse e dentro dunha mesma clase pode haber xente de diferentes condicións. É unha actividade para todas as idades e condicións físicas”.
Falando con Fran descubrimos que co crosstraining non só fas deporte e traballas o teu corpo, senón que fas grupo, creas lazos de amizade, aprendes disciplina, coidas o material, es empático cos demais… Moito que vivir nos box de Máis que Auga!