A NOVA CARA DA SALA FITNESS

29/05/2020

Estas semanas estamos a traballar para adaptar as nosas instalacións a esa chamada “nova normalidade”. Son moitas as novidades que temos e que vos iremos contando aos poucos. Hoxe comezamos cun repaso de como quedará sala fitness. E claro, temos que lembrarvos que en todo este proceso  Máis que  Auga necesita de todos e todas, da vosa responsabilidade individual e do respecto ás normas marcadas en beneficio e por seguridade de usuarios e traballadores.

 

Para empezar, repasamos como será o proceso de entrada á instalación, onde chegaredes coas vosas máscaras. Accederemos por unha porta que nos levará ao set de benvida, con alfombra desinfectante, xel hidroalcohólico e información básica das normas de seguridade do centro. No acceso, cunhas cámaras termográficas, realizaremos un control da temperatura automatizado, sen que teñades que detervos a realizar proceso algún. Desde a porta de entrada ata os  tornos establecerase un corredor de entrada, para evitar que a xente se cruce e minimizar riscos. Os corredores estarán sinalizados con frechas para circular sempre pola dereita.

 

Dispoñeremos de taquillas nos corredores e na propia sala, para que poidades depositar as vosas pertenzas sen ter que pasar polos vestiarios, os cales, polo momento e para evitar aglomeracións, só se poñerán a dispor dos usuarios da piscina ou en casos de forza maior, se utilizas otra parte da instalación. Por suposto, contaredes con xel e desinfectante de superficies para que poidades  desinfectar a taquilla antes e despois de usala.

 

Na sala fitness haberá unha porta de acceso e outra de saída, e novamente no punto de entrada teremos outra alfombra desinfectante e un  dosificador de xel, para que poidas acceder coas máximas garantías. Ademais, estableceremos percorridos circulares para que a xente non se crucen no interior da sala. Cando entredes darédesvos conta de que os elementos foron movidos para establecer a distancia de 2 metros entre eles e que así a utilización da máscara non sexa obrigatoria mentres facedes deporte. Ademais, naquelas zonas nas que non é posible esa separación mínima, teremos instalados biombos verticais, para evitar o contacto entre usuarios/as.

 

Xunto a cada máquina cardiovascular e de placas haberá xel  hidroalcohólico para poder  desinfectar as mans despois de tocar a pantalla ou algunha zona de contacto. Na zona de peso libre, teremos botes de desinfectante e xel. Lembrade que será obrigatorio  desinfectar o material de uso compartido despois de cada uso.  Ademais, haberá unha distribución dos bancos e das zonas de traballo para manter a distancia social recomendada polas autoridades sanitarias.

E a todas estas medidas, hai que sumarlle que se aumentarán significativamente as horas de limpeza na apertura e realizarase un proceso máis exhaustivo de desinfección ao mediodía e á noite. Como sabedes, o obxectivo de todas estas accións, que in situ serán moi sinxelas de entender, é protexervos a todas e todos para que poidades facer o que máis ou gusta nunha contorna segura.