NOS PREMIOS GALICIA Á XESTIÓN DEPORTIVA 2023, MÁIS QUE AUGA FOI GALARDOADA COMO A MELLOR ENTIDADE PRIVADA

15/12/2023

Máis que Auga recibiu onte na Coruña o galardón a “Mellor entidade privada” nos XIV Premios Galicia á Xestión Deportiva 2023, convocados anualmente por AGAXEDE (Asociación Galega de Xestión Deportiva).

 

É sen dúbida un premio que Máis que Auga recolle con emoción e agradecemento, tal e como expresou Rebeca Ruibal, directora do MQA Navia, ao recibir o galardón, de mans do histórico xogador de baloncesto Fernando Romay: “Quero dar as grazas ao xurado por considerar que somos merecedores deste premio como mellor entidade privada de Galicia. Para nós é unha honra e un estímulo para seguir traballando día a día por e para os nosos socios e socias, que ao final ese é o noso obxectivo: Que eles atopen en Máis que Auga o lugar idóneo para facer actividade física e ter así unha vida máis sa e feliz”.

 

Ademais, Rebeca lembrou que, aínda que no acto non podían estar, “o premio é de todos e todas as traballadoras de Máis que Auga. Só grazas ao seu esforzo, dedicación, traballo, espírito, xenerosidade e positividade é posible que a empresa salga adiante cada día. Non podo dicir todos os seus nomes, é imposible, pero este premio é de todos e cada un deles, desde o persoal de mantemento, ao administrativo, limpeza, deportivo, etc.”

 

A gala de entrega dos Premios Galicia á Xestión Deportiva, que xa van por décimo cuarta edición, celebrouse no marco do I Encontro da Xestión Deportiva de Galicia, que tivo lugar no NORDES Club Empresarial (A Coruña).